Ir o contido principal

Centro Galego de Arte Contemporánea

O museo

Situado no centro histórico de Santiago de Compostela xunto ao convento de San Domingos de Bonaval e o parque de Bonaval, o edificio que acolle o Centro Galego de Arte Contemporánea foi proxectado polo arquitecto portugués Álvaro Siza, e merecedor do premio de arquitectura Mies Van der Rohe no ano 1988 e do Pritzker en 1992.

O Centro Galego de Arte Contemporánea é un espazo de difusión cultural cuxa función é dinamizar o panorama artístico actual e reflexionar sobre a diversidade das conformacións culturais na sociedade contemporánea. Creado en 1993, enmárcase dentro da política xurdida en España a partir da década de 1980 para promover o desenvolvemento de plataformas culturais e favorecer a entrada de Galicia no circuíto artístico internacional.

Desde os seus inicios, o CGAC amosou as liñas directrices da arte das últimas décadas mediante exposicións retrospectivas de artistas recoñecidos internacionalmente ao carón de exposicións dedicadas a difundir a arte galega, incluíndo tanto autores consagrados coma emerxentes. Tamén son continuas as colaboracións con outras institucións, que nesta nova etapa se verán reforzadas con proxectos a longo prazo. O centro conta cun programa de exposicións temporais ininterrompido desde 1995 e unha serie de propostas multidisciplinares nas que teñen lugar obradoiros impartidos por artistas, ciclos de conferencias, encontros entre artistas e críticos, incursións no campo da música, as artes escénicas e o cinema e un programa de actividades pedagóxicas que busca a participación activa do público e favorece o intercambio de ideas entre profesionais de distintos ámbitos.

O CGAC conta tamén cunha completa biblioteca de arte contemporánea, un departamento de publicacións, un auditorio e servizos como una libraría especializada en arte e cultura contemporánea e cafetería.

A colección do CGAC ten un carácter internacional, formada polas propostas máis actuais, que proveñen de adquisicións programadas polo centro e fondos da colección da Xunta de Galicia. A súa Asociación de Amigos permite unha serie de vantaxes para os seus socios e socias nas actividades do centro.

O CGAC é un centro de titularidade autonómica.

http://cgac.xunta.gal

Rúa Valle Inclán, 2
15703, Santiago de Compostela

Tlf. 981546619
Fax 981546625

cgac@xunta.gal

Horario

Martes a domingo: de 11 a 20 h.,
luns pechado