Ir o contido principal

As Salas

As salas

Sala 1 e sala 2. Séculos XVI, XVII e XVIII

O itinerario que o museo propón permite contemplar tematicamente os diferentes xéneros da pintura europea dos séculos XVI ao XVIII. Destaca na sala 1 a iconografía relixiosa na que se reflicten tanto os canons renacentistas, representados polas obras de Morales ou Juan de Juanes, coma as propostas da Contrarreforma católica, como vemos en Ribera ou en Sánchez Coello.

Na sala 2 dentro deste contexto do Barroco español inscríbense os lenzos relixiosos de Rizi e Carducho, xunto co novo xénero do bodegón na obra de Arellano. 

Por outro lado, outros temas vinculados ao gusto cortesán e burgués, como o mitolóxico representado maxistralmente por Rubens, a escena costumista de Rombouts, os interiores de arquitecturas de Peter Neefs, ou a obra de Frans Francken II, reflexo do coleccionismo artístico do século XVII, son todos temas moi desenvolvidos durante o Barroco europeo.

"A Apoteose de Hércules", Jean Baptiste Borkens

"A Apoteose de Hércules", Jean Baptiste Borkens

Sala 3. O retrato. Séculos XVI, XVII e XVIII

Móstranse retratos da nobreza e da realeza dende a época dos Austrias, destacando o realizado por Pantoja de la Cruz, ata o establecemento dos Borbones, momento no que se produce unha progresiva renovación dos gustos artísticos co paso do Barroco ao Rococó cortesán, como o reflicte a obra de Baldrighi. 

Tamén destaca a colección de miniaturas realizadas por artistas de escolas europeas atendendo á demanda da burguesía da época.

Sala 4 e sala 5. Século XIX e principios do século XX

O século XIX comeza co romanticismo de Villaamil ou David Roberts, e como consecuencia das demandas da burguesía, ao longo deste século renóvanse e desenvólvense outros xéneros pictóricos, como o retrato, con obras de Esquivel ou Madrazo, a paisaxe, representada por Carlos de Haes, Urgell ou Beruete, ou a pintura costumista, con autores como Cutanda, Francés ou Sorolla. Neste ámbito intégrase a pintura galega, que vai ter un florecemento tardío apoiada nos movementos rexionalistas, auxe que terá o seu reflexo en pintores como Avendaño, Murguía, Sotomayor, Lloréns ou Corredoyra.

"A Catedral de Santiago o Menor (Lieja)", Jenaro Pérez Villaamil

"A Catedral de Santiago o Menor (Lieja)", Jenaro Pérez Villaamil

Sala 6. Século XX

O grupo coñecido como Os Renovadores, formado por Maside, Colmeiro, Torres, Laxeiro e Seoane, asumiu as linguaxes de vangarda europeas fusionándoas coa tradición da cultura popular.

Desvinculados destes, autores como Lugrís ou Granell desenvolveron a súa particular visión do surrealismo. Na segunda metade do século, xunto a pintores que estableceron as bases do proceso abstracto —Caruncho, Labra ou Mampaso—, outros optaron por unha nova figuración de carácter lírico e intimista: Lago Rivera, González Pascual ou Victoria de la Fuente.

"Lavandeiras", Manuel Colmeiro

"Lavandeiras", Manuel Colmeiro

Sala A. Goya

Combinando as técnicas da augaforte e a augatinta, Goya creou un impresionante conxunto de gravados que se agruparon en catro series: os Caprichos, sucesión de insólitas estampas de intención satírica; os Desastres, mostra crúa das miserias da guerra; os Disparates, representación fantástica de enigmático significado; e a Tauromaquia, divulgadora das diversas sortes e fazañas do toureo. O Museo de Belas Artes da Coruña conserva unha das escasas coleccións completas destes gravados.

"Con razón ou sen ela", da serie "Os desastres da Guerra". Francisco de Goya

"Con razón ou sen ela", da serie "Os desastres da Guerra". Francisco de Goya

Sala B. Sargadelos

A colección de louza do século XIX de Sargadelos, primeira fábrica española que utilizou técnicas industriais, reúne exemplos das diferentes tipoloxías creadas a partir de modelos ingleses do século XVIII. A exposición ordénase en función das técnicas decorativas, que van desde unha primeira e segunda época de cor branca cremosa, á terceira e cuarta con delicada decoración pintada a man ou estampada.

A sala reabriu as súas portas en 2014 cun novo discurso museográfico que implicou a reordenación e nova selección de obxectos expostos, co fin de mostrar o amplo espectro de variedades tanto obxectuais como decorativas con que conta a colección do museo. Ademais, dotouse á exposición dun soporte informativo con imaxes, gráficos, mapas e elementos tecnolóxicos que permitir seguir a evolución da produción de Sargadelos.