Ir o contido principal

Titularidade privada

Museo Anfaco da Industria Conserveira

O Museo da Industria Conserveira é un referente do patrimonio industrial de Galicia. Ten como obxectivos a conservación do patrimonio material e inmaterial relacionado coa historia da industria conserveira en Galicia, o fomento da investigación sobre a mesma e a súa divulgación.

Como centro de documentación especializado na pesca e a súa transformación, conta cun arquivo e unha biblioteca especializada no mar e a súa industria. Entre os seus fondos documentais destacan: o da Unión de Fabricantes de Conserva de Galicia e o da empresa de conservas Bernardo Alfageme, S.A.

Colección Fernando Blanco de Lema

O centro está situado no edificio coñecido como antiga Escola de Nenas, no centro da vila de Cee, erixido pola Fundación Fernando Blanco de Lema no soar da vella casa do seu mecenas.

A colección está formada na súa maior parte polo instrumental científico e o material didáctico das antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee, de finais do século XIX, entre os que se atopan medidores de diversas magnitudes, aparellos de mecánica, acústica, óptica, etc. Cabe salientar tamén as coleccións de animais, minerais e fósiles.

Palloza Casa do Sesto

A palloza “Casa do Sesto” remóntase alomenos ata 1770 e foi vivenda habitual dos actuais propietarios ata o ano 1970. Dende 1989 permanece aberta ao público e no ano 2007 obtivo o recoñecemento da administración autonómica como colección visitable, de contido etnográfico. O obxectivo da palloza é dar a coñecer a forma de vida e a cultura tradicional desta zona de alta montaña, mantendo a estrutura primitiva destas construcións sen modificar nin alterar, e salvagardando no seu interior ferramentas e aparellos relacionados cos seus usos orixinais.

Colección de Anestesioloxía e Reanimación

A Colección de Anestesioloxía e Reanimación encóntrase exposta na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dunha pequena colección monográfica que mostra o antigo instrumental médico anestésico, cirúrxico e de reanimación de Galicia, de especial relevancia por ser a Escola Compostelá de Medicina pioneira na administración de anestésicos en España.

Colección Casa do Patrón

O Museo da Casa do Patrón é un museo etnográfico con máis de 4.000 pezas recollidas por toda a xeografía galega, que supera os 2.000 m2 de exposición distribuídos en tres edificios.

Conta con trece salas de exposición organizadas por temáticas, onde se pode observar as antigas escolas, pasando polos hábitos de vida dos nosos devanceiros, oficios esquecidos, unha taberna, un forno o unha forxa tradicional, así como os apeiros que singularizan todos os oficios e actividades da labranza e a gandería nos últimos séculos, como memoria viva da nosa historia.

Pazo de Arxeriz

O Pazo de Arxeriz atópase na Ribeira Sacra, no concello do Saviñao, parroquia de Fión, dentro dunha finca de 30 hectáreas cunha situación privilexiada na ribeira do Miño. O museo está composto polas salas habilitadas dentro do pazo do século XVII e por unha serie de edificios de arquitectura popular situados dentro da finca.

Casa Museo Rosalía de Castro

No ano 1947 créase o Padroado Rosalía de Castro co fin de recuperar a Casa da Matanza. Esta foi restaurada no ano 1971 e na actualidade é propietaria da mesma a Fundación Rosalía de Castro, que continúa o labor que comezara o Padroado. Entre os obxectivos primordiais da fundación están o coñecemento da figura e obra da escritora ao mesmo tempo que difundir a do seu marido, o historiador Manuel Murguía, ademais de encargarse da conservación da Casa-Museo e do Panteón da escritora situado na Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago.

Subscribirse a Titularidade privada