Ir o contido principal

Ciencia e Tecnoloxía

Icono

Museo Anfaco da Industria Conserveira

O Museo da Industria Conserveira é un referente do patrimonio industrial de Galicia. Ten como obxectivos a conservación do patrimonio material e inmaterial relacionado coa historia da industria conserveira en Galicia, o fomento da investigación sobre a mesma e a súa divulgación.

Como centro de documentación especializado na pesca e a súa transformación, conta cun arquivo e unha biblioteca especializada no mar e a súa industria. Entre os seus fondos documentais destacan: o da Unión de Fabricantes de Conserva de Galicia e o da empresa de conservas Bernardo Alfageme, S.A.

Colección dos Gabinetes de Ciencias do Antigo Instituto de Santiago

O Instituto de Ensinanza Secundaria Arcebispo Xelmírez I alberga a colección de instrumentos e material científico procedente do antigo Instituto de Segunda Ensinanza de Santiago, creado en 1845 como adxunto á Universidade. A colección é representativa do patrimonio e da memoria dos institutos históricos, os creados ao amparo do Plan Pidal a mediados do século XIX.

Colección de Anestesioloxía e Reanimación

A Colección de Anestesioloxía e Reanimación encóntrase exposta na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dunha pequena colección monográfica que mostra o antigo instrumental médico anestésico, cirúrxico e de reanimación de Galicia, de especial relevancia por ser a Escola Compostelá de Medicina pioneira na administración de anestésicos en España.

Casa das Ciencias

A Casa das Ciencias ten a súa sede nun palacete situado no Parque de Santa Margarita. O edificio de planta octogonal ten as salas dedicadas a exposicións interactivas, e na cúpula encóntrase o planetario. Este centro de ciencia interactivo, que foi o primeiro en España de titularidade pública, achega a ciencia aos cidadáns a través de módulos que responden á acción do visitante con comportamentos que espertan a curiosidade e invitan a expor e resolver preguntas. 

Domus-Casa do Home

A Domus é un museo interactivo dedicado de forma global e monográfica ao ser humano, e encóntrase no Paseo Marítimo de Riazor, nun edificio construído polo arquitecto xaponés Arata Isozaki.

O lema deste museo é "Coñécete a ti mesmo, como individuo e como especie". Busca espertar a curiosidade e provocar a reflexión sobre a nosa especie. Todo iso sen prescindir da diversión, o ingrediente máis estimulante en calquera actividade humana. 

Subscribirse a Ciencia e Tecnoloxía