Ir o contido principal

As Salas

As salas

2º edificio. Sala 1: A pesca en Galicia

Exposición na que se amosa a forte vinculación do pobo galego co mundo do mar a través da extracción (pesca, marisqueo...), da conservación (salgadura, mundo da conserva) e da comercialización.

1º Edificio. Sala de exposicións temporais e salas 1 a 6

O primeiro edificio está composto pola sala de exposicións temporais e as seguintes salas:

Sala 1. 25 séculos de oceanografía (próxima inauguración)

Nesta sala faise un percorrido pola importancia do mar para o ser humano ao longo da historia a través da oceanografía. Nela pódese observar, entre outras pezas, o esqueleto dun cachalote que no ano 2003 varou na praia de Montalvo en Sanxenxo e que, ata a súa chegada ao museo, estivo exposto no Centro de interpretación das Telleiras en Sanxenxo.

Sala 2. Gabinete científico

Esta sala intenta replicar o que sería o gabinete dun naturalista, amosando unha colección de especies mariñas conservadas en formol.

Sala 3. A conquista do mundo submarino

Evolución dalgúns dos métodos e técnicas empregados ao longo da historia para mergullarse, amósanse traxes de mergullo e pezas como as que se empregaron para tentar recuperar os “tesouros” da Batalla de Rande. Nesta sala ademais está exposto o Submarino de Sanjurjo Badía, tamén chamado Boia Lanzatorpedos, que se construíu en Vigo a finais do S XIX.

Salas 4, 5 e 6. Barcos en miniatura

Este espazo está dedicado principalmente ao maquetismo naval. Nel pódese gozar de auténticas xoias desta disciplina, dende embarcacións tradicionais a goletas baleeiras, buques de pasaxe e buques pesqueiros dos anos 80.

Acuario

O acuario é un tanque batimétrico habitado por diversas especies que se poden atopar en calquera das rías galegas (quenllas, rodaballos, linguados, pintos, maragotas, robalizas, sargos, xurelos, estrelas de mar, gorgonias...). Con el se pretende amosar un anaquiño do fondo dunha ría galega.  

Vista do acuario

Castro da Punta do Muíño do Vento

Poboado castrexo parcialmente musealizado, habitado dende o século VIII a.C. ao século I d.C.

Castro da Punta do Muíño do Vento

Salinae. Centro Arqueolóxico do Areal

Salinae é un centro de interpretación que nos permite coñecer a historia da única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano.

É un xacemento que polo seu excelente estado de conservación, permite entender o funcionamento dunha instalación salineira e como os romanos producían o sal na superficie das cubetas.

A exposición ofrece ademais, a posibilidade de descubrir o interesante mundo do sal, a súa historia, algúns dos sistemas empregados para a súa obtención e os diferentes usos que os romanos lle deron a este importante produto.

Salinae é un centro de titularidade autonómica xestionado polo Museo do Mar de Galicia mediante convenio.

Atópase na rúa Rosalía de Castro, nº 21-23 de Vigo. Está adaptado para o acceso de persoas con mobilidade reducida. O aforamento máximo é de 50 persoas.

O centro dispón de oito zonas diferenciadas:

Zona 1. Arqueoloxía na cidade. Unha secuencia fotográfica, acompañada dunha liña do tempo, mostra como se desenvolveu o descubrimento e estudo deste espectacular xacemento romano.

Zona 2. Dous mil anos de historia. A través dunha completa secuencia estratigráfica e dos restos materiais atopados nos seus estratos reconstrúese a historia particular do xacemento.

Zona 3. O sal da vida. Co sal como fío condutor preséntanse as súas propiedades, algúns modos de obtención ao longo da historia e os usos deste mineral na vida cotiá dos romanos.

Zona 4. Sal para salgaduras e salsas. Un suxestivo espazo escenográfico explica o xurdimento e desenvolvemento da industria salineira romana en Vigo e o aproveitamento dos recursos pesqueiros.

Zona 5. Unha paisaxe reconstruída. Os estudos científicos realizados permitiron reconstruír a paisaxe e o ecosistema que deberon existir nas inmediacións da salina cando estaba en funcionamento.

Zona 6. A salina romana. Recuperación e musealización dun espectacular xacemento romano, unha salina de evaporación, en funcionamento durante os séculos I-III d.C., e que se dedicou á produción de sal a grande escala.

Zona 7. Historia do sal. Unha selección de receitas romanas presenta os gustos culinarios dos romanos e o uso do sal como ingrediente fundamental en varios pratos.

Zona 8. O sal despois de Roma. A través dos séculos móstrase a evolución da propiedade e explotación das salinas, a decadencia destas instalacións e o xurdimento da industria conserveira.

A salina romana