Ir o contido principal

Torre de Bermúdez | Museo Valle-Inclán

Galego | Castellano | English

 

HISTORIA

A orixe de tan exquisita arquitectura pregoa a prosperidade do Caramiñal no século XVI. Lugar entón elevado á categoría de vila. Entre as individualidades máis ambiciosas daquel tecido humano do Cincocentos sobresaen os nomes de Juan Domínguez Giance e Constanza Domínguez de Búa, matrimonio de ampla faldriqueira. Son os promotores deste edificio.

Co devalar dos tempos, esta torre e casa principal do Caramiñal foi predio fidalgo da estirpe paterna do escritor Valle-Inclán. Primeiro, tomada en foro nos anos finais do século XVIII. Logo, adquirida como consecuencia das leis de desamortización a mediados do século XIX. Don Ramón del Valle-Inclán Peña profesaría un gran cariño a esta herdanza familiar. Á torre alude con emoción, na prensa ou en parladoiros coloquiais, e esta figura en relatos de inspiración galiciana como un escenario significativo de clase e señorío. Aquí declara ter residido tras regresar da súa primeira viaxe ás Américas —1893—.

Mi casa de las Torres de Bermúdez. La casa más bonita de Galicia, muy siglo XVI, muy genuina arquitectónicamente, con unas gárgolas hermosas. Toda de estilo renacimiento.
RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN, 1922

Por Real Decreto 249/1976, de 9 de xaneiro, esta fermosísima xoia sería declarada monumento histórico-artístico de carácter nacional. Despois da súa restauración, serve de sede permanente dunha importante colección patrimonial, especializada de orde literaria, o Museo Valle-Inclán, inaugurado o día 16 de maio de 1987.

 

ARTE

Estamos ante unha residencia civil de elegante ornamento clásico, que debemos situar entre as máis excepcionais que se teñan documentado na historia da arte do noroeste peninsular. Construída entre 1540-1545, a súa traza ponse en relación co círculo de colaboradores do grande arquitecto do Renacemento español Rodrigo Gil de Hontañón.

Componse de torre galana e corpo pacego, disposto perpendicularmente, ademais dos restos dun suntuoso corredor exterior. Das súas portadas merece ser posta de relevo a principal, que é un arco de medio punto enmarcado por pilastras, con entabulamento e frontón triangular. Sobre a mesiña da escalinata abre unha segunda porta, con arco de medio punto moldurado e clave. Observamos o mesmo clasicismo na elegante ornamentación que lle dá valor engadido —como monumento único—, versada nos tratados de arquitectura e nos gravados de moda.

O estilo plateresco concéntrase na decoración de determinados elementos estruturais e decorativos, como son portais, xanelas, soportes, frisos, cornixas, gárgolas... que conviven coas supervivencias tardogóticas e as vangardas á romana. Na mesma liña, o sistema de proporcións e xogos de xeometrías de todo o edificado é moi claro.

 

 

Máis información

O museo

Os espazos do museo:

Sala Arousa

Sala Bradomín

Sala Viana del Prior

Sala Max Estrella

Sala Valle-Inclán y su tiempo

Auditorio. Exposición iconográfica