Ir o contido principal

Sala Max Estrella

Galego | Castellano | English

 

Denomínase así á sala situada no primeiro andar da casa principal, por ser este un espazo interesado en divulgar a etapa de consagración do escritor ao esperpento. Antigamente, esta estancia tería albergado espazos para usos domésticos e de servizo común.

Ofrece varios paneis explicativos onde podemos consultar, de forma abreviada, unha xeira de informacións contrastadas sobre os temas especificamente divulgados.

O esperpento como xénero que don Ramón del Valle-Inclán leva á escena teatral e á súa narrativa fai a súa aparición coa obra Luces de bohemia (1920). É na conversa mantida por Max Estrella con don Latino de Hispalis onde o escritor ofrece a definición deste drástico cambio de expresión literaria. Este outro modo de interpretar a realidade, mestura de grandeza e de grotesco que Valle-Inclán considera propia da sociedade española, emprégase en toda a súa obra a partir de entón.

Los héroes clásicos reflejados en los espejos cóncavos dan el Esperpento. El sentido trágico de la vida española sólo puede darse con una estética sistemáticamente deformada. [...] Las imágenes más bellas en un espejo cóncavo son absurdas. [...] La deformación deja de serlo cuando está sujeta a una matemática perfecta. Mi estética actual es transformar con matemática de espejo cóncavo las normas clásicas.

RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN, 1920

 

Observemos o mobiliario e os obxectos reunidos:

Primeiramente. - A mostra de vestiario deseñado deseñado para representar Las galas del difunto, La cabeza del Bautista, Ligazón e El Embrujado (1998), do Centro Dramático Galego; e para Luces de bohemia (1971) e Divinas palabras (1986), do Teatro Bellas Artes de Madrid.

Seguidamente.- En vitrinas, a escolma de documentos orixinais e facsimilares.

Na primeira, á esquerda, vistosas primeiras edicións de libros de ideario tradicionalista, como a triloxía da Guerra carlista (1908-1909) e Voces de Gesta (1912);

a tarxeta postal enviada por don Ramón a Manuel Company, con poema manuscrito (1902); memorias de García Martí sobre a elección de Valle-Inclán como presidente do Ateneo (1932); unha das cartas enviadas a Manuel Azaña (1935); o comunicado emitido polo Partido Galeguista (1936).

Na segunda, ao centro, parte principal das obras completas de Valle-Inclán, en especial os volumes da colección Opera Omnia, (1913-1936), e outras  edicións con coidadas cubertas. Complemento seu son, na terceira vitrina, as publicacións periódicas e por entregas.

Finalmente.- As obras das belas artes orixinais. En especial, o gravado de don Ramón (1919), por Moyá del Pino; o cartel para Ligazón (1972), de Isaac Díaz Pardo; a escenografía para Los cuernos de don Friolera (1976), de Pepa Estrada; o cartel para Avareza, Luxuaria e Morte n´area ibérica (1976), de Conde Corbal; o icónico Tirano Banderas (2001) e o magnífico Valle-Inclán (2006), pintados por Alfonso Costa. No entanto, antes de abandonar esta sala, non deixemos de admirar as cerámicas de Sargadelos ou a colección medallística e de filatélia. E sobre todo, as esculturas dedicadas a don Ramón por Santiago Bonome (1935) e Francisco Toledo (1986), esta última moi popular, debido a que a instalou o Círculo de Bellas Artes de Madrid no Paseo de Recoletos.

 

Máis información

O museo

Os espazos do museo:

Torre de Bermúdez

Sala Arousa

Sala Bradomín

Sala Viana del Prior

Sala Valle-Inclán y su tiempo

Auditorio. Exposición iconográfica