Skip to main content

Management - Courses and conferences

Xornada "Museos sociais"

4 de outubro de 2022

Lugar de celebración da xornada: Museo das Peregrinacións e de Santiago

 

Xuntanza para pór en común as experiencias e dar visibilidade ao traballo dos museos a prol da inclusión social, accesibilidade e igualdade.

A Xornada “Museos sociais” forma parte das actividades promovidas dende a Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e está dirixida ás máis de oitenta institucións que forman parte do Sistema Galego de Centros Museísticos co fin de fomentar a cooperación entre os centros museísticos, promover a formación do persoal e establecer un foro no que compartir experiencias.

Coordinada polo Servizo de Museos, esta xornada céntrase en experiencias realizadas nestes últimos anos co fin de dar visibilidade ao traballo que están a desenvolver os museos co fin de acadar unha sociedade máis igualitaria e fomentar os valores de inclusión social, accesibilidade, igualdade, sostibilidade e interculturalidade.

Museos para todos e dinamizadores da sociedade

Na actualidade, semella innecesario afirmar que os museos son para todos os públicos. Non obstante, a realidade obríganos a insistir nos aspectos que se recollen na propia definición e razón de ser dos museos, de servir a todas as idades, xéneros e procedencias, niveis de formación ou capacidades, fomentando a sensibilidade cara a diversidade cultural e social que nos rodea.

Consolidadas outras funcións máis tradicionais dos museos como conservar, documentar ou investigar, hoxe en día as aspiracións dos museos deben desenvolverse cara a inserción plena destas institucións no tecido social para converterse nun axente social máis.

Está tamén amplamente aceptado que, no mundo global, tecnolóxico e cambiante, os museos deben ir máis aló da oferta expositiva e actuar como institucións dinamizadoras da sociedade na que se integran. Actuación na que moitos museos están inmersos xa na actualidade, tentando dar resposta aos cambios e, en concreto, dinamizando a súa contorna e visibilizando colectivos con maior marxe de exclusión.

En Galicia, a Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia naceu co espírito de reforzar o innegable carácter social dos centros museísticos, ligado á concepción de servizos públicos de estudo, participación e interacción culturais, nas súas diversas formas de expresión.

Destinatarios/as

Profesionais, persoal técnico e bolseiro dos centros museísticos de Galicia, preferentemente daqueles que forman parte do Sistema Galego de Centros Museísticos.

Programa

A xornada será unha posta en común da situación actual, cunha conferencia inaugural que marcará a folla de ruta e o contexto para un museo máis social e sostible, seguida de intervencións de profesionais dos museos xestionados pola Dirección Xeral de Cultura que se están a desenvolver.

Tamén serán gravadas os relatorios, xunto a unha persoa intérprete en lingua de signos para dar accesibilidade ás persoas xordas na súa difusión posterior. Así mesmo, de forma indirecta, deuse participación a persoas que traballan pola integración das persoas con diversidade funcional como a Fundación IgualArte, que realizaron a ilustración para o cartel da xornada. A Fundación IgualArte traballa dende o ano 2002 co obxecto de que todas estas persoas poidan expresarse de maneira artística.

A xornada desenvolverase do seguinte xeito:

  • 9:30 h. Presentación. Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura
  • 10:00-10:45 h. "Que museo necesitamos? Folla de ruta para un museo máis social e sostible". Olga Ovejero Larsson, xefa da Área de Difusión e Desenvolvemento da Subdirección Xeral de Museos Estatais do Ministerio de Cultura e Deporte
  • 10:45-11:30 h. "O enfoque de xénero nas museografías". Covadonga López de Prado Nistal, directora do Museo Massó de Bueu
  • 11:30-12:00 h. Descanso
  • 12:00-13:15 h. "Proxectos: identidades e Museo en movemento". Manuel Mosquera Cobián e Ana Vasco del Castillo, da Área de Difusión do Museo de Belas Artes da Coruña
  • 13:15-14:00 h. "Museo Aberto". César Llana Rodríguez, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia
  • 16:30-17:30 h. "Aplicación CIMA. Un recurso gratuíto para facilitar a información accesible no marco do proxecto Erasmus+ ALLURE". Fátima García Doval, xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e Enrique Costa Montenegro, profesor da EE Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic no grupo GTI
  • 17:30 h. Clausura

Visita comentada ao Museo das Peregrinacións e de Santiago.

 

I Xornada Profesional de Museos. A planificación como estratexia de futuro

15 de xuño de 2016

Organización: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Secretaría Xeral de Cultura. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural
Coordinación: Servizo de Museos

Programa

9:00 – 9:30 h. Recepción de participantes

9:30 – 9:45 h. Palabras de benvida. Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

9:45 – 10:15 h. O diagnóstico estratéxico e a formulación conceptual do Museo de Ribadavia. Cesar Llana Rodríguez, Museo Etnolóxico de Ribadavia

10:15 – 10:45 h. O museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas: o  programa arquitectónico do Museo Massó. Covadonga López de Prado Nistal, Museo Massó de Bueu

10:45 – 11:30 h. O programa e o proxecto arquitectónico do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Xulio Rodríguez González, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

11:30 – 12:00 h. Descanso

12:00 – 12:30 h. As coleccións no punto de mira: o programa de coleccións. Isabel Pesquera Vaquero, Museo das Peregrinacións e de Santiago

12:30 – 13:00  h. Un novo museo unha nova mensaxe: programa e proxecto expositivo. Bieito Pérez Outeiriño, Museo das Peregrinacións e de Santiago

13:00 – 13:30  h. 20 anos de programas de difusión. Ángeles Penas Truque, Museo de Belas Artes da Coruña

13:30 – 14:00 h. Programas de conservación e investigación: a importancia da investigación e conservación nun museo de sitio. O Museo do Castro de Viladonga. Elena Varela Arias, Museo do Castro de Viladonga

14:00 – 14:30 h. Planificación e Sistema Galego de Museos. Nuria Serrano Téllez, Servizo de Museos

14:30 – 15:00 h. Remate da Xornada

17:30 h. Visita guiada. Exposición Permanente do Museo das Peregrinacións e de Santiago

A inscrición é gratuíta pero coas prazas limitadas polo aforo. Está aberta ata o 10 de xuño de 2016.

Consulte aquí o folleto do curso (PDF). e descargue o impreso de matrícula (DOCX). Remítao ao correo electrónico servizo.museos.cultura@xunta.gal

 

III Curso de conservación preventiva de libros, documentos e obra gráfica

Outubro de 2015 a xuño de 2016

Organiza: Instituto Universitario General Gutiérrez Mellado e Departamento de Historia Contemporánea da UNED en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, o Instituto do Patrimonio Cultural de España e a Fundación Carlos de Amberes.

A matrícula está aberta ata o 15 de novembro de 2015.

Consulte aquí o folleto do curso (PDF). e descargue o impreso de matrícula (PDF). Máis información en http://www.cursoconservacion.com.