Ir o contido principal

A Xunta compra terreos da contorna do Castro de Viladonga para ampliar os traballos de escavación e investigación

A Xunta de Galicia vén de adquirir seis terreos da contorna do Castro de Viladonga, o que permitirá ampliar usos sociais e culturais deste espazo e os traballos de escavación e investigación. Así o informou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante a súa participación na apertura da mostra "O acibeche no mundo antigo. Unha aproximación dende o Castro de Viladonga".

"A adquisición destas seis parcelas suporá a incorporación de case 20.000 m2 á superficie do Castro co obxectivo de continuar coas escavacións arqueolóxicas e afondar na significación histórica e patrimonial deste espazo", explicou Anxo M. Lorenzo. Ademais, con esta medida o Goberno galego tamén avanzará nos estudos do sistema defensivo do Castro, así como no doutras zonas de intensa ocupación e utilización.

Precisamente, a mostra inaugurada no Museo do castro é froito dun gran traballo de investigación e saca á luz unha ampla colección de acibeches recuperados durante máis de 50 anos de escavacións. A mostra, que estará dispoñible ata o mes de decembro, conta con sete pezas e oito fragmentos de acibeche en bruto mediante reproducións fotográficas para poñer en valor o traballo artesanal do acibeche na antigüidade e dar a coñecer as elaboracións e producións desa época, destacando especialmente pezas -en imaxes- como os osos ou os medallóns tallados co acibeche de Whitby.

Ademais, na exposición tamén se dan a coñecer os resultados obtidos durante os traballos de investigación coas imaxes e análises do miscroscopio electrónico de varrido, o que permitiu confirmar a presenza de icnofósiles de paleoxilófagos nun dos aneis da colección, así como a elaboración desta mesma peza en acibeche ástur. Todo isto reafirma a idea da existencia dun taller no propio Castro de Viladonga.

Dinamización do rural

Por outro lado, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén visitou no concello lucense do Incio a Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia que percorre as provincias de Lugo e Ourense para levar este servizo a aqueles concellos que non contan con este equipamento cultural e que fixo parada na Casa Maior de Penaxubeira.

Tal e como deu conta Anxo M. Lorenzo, o vehículo que percorre os concellos da provincia de Lugo visitará no que resta de mes as localidades de Samos (martes 13), Negueira de Muñiz (venres 16), Navia (sábado 17), Pedrafita do Cebreiro (martes 20), Folgoso do Courel (mércores 21), O Incio (xoves 22), As Nogais (venres 23), Cervantes (sábado 24), Baleira (luns 26), Samos (martes 27), Triacastela (mércores 28) e Navia (xoves 29).