Ir o contido principal

A Coruña

Museo Etnográfico da Capela

A Asociación “Patronato do Museo Etnográfico da Capela" está impulsada polo Concello da Capela e o C.E.I.P  “Mosteiro de Caaveiro”, que achegou unha interesante colección etnográfica froito dunha experiencia sociopedagóxica iniciada no ano 1981 coas contribucións dos alumnos, profesores e veciños do centro, cun carácter eminentemente didáctico e coa intención de dar a coñecer e recuperar do esquecemento elementos da cultura tradicional galega.

Museo Galego de Arte Contemporánea 'Carlos Maside'

O Museo de Arte Contemporánea 'Carlos Maside' xorde en 1970 ante a necesidade de recoller a obra e a documentación dos artistas da xeración dos anos trinta, ampliando posteriormente os seus obxectivos como testemuña da creación artística contemporánea galega. O museo atópase nun complexo arquitectónico que acolle ademais a fábrica de Cerámicas O Castro, un edificio destinado a mostra de cerámica, librería, e unha sala de exposicións temporais; o máis característico é o edificio do museo, formado por módulos hexagonais distribuídos en torno a un módulo central.

Museo Granell

A Fundación Museo Eugenio Granell atópase no Pazo de Bendaña, un dos edificios máis emblemáticos do centro histórico de Santiago e exemplo da arquitectura civil de mediados do século XVIII. Situado na Praza do Toural, é un edificio destacado da arquitectura barroca compostelá, obra de Vicente Sarela. Na fachada loce o escudo do marquesado de Bendaña e, coroando o edificio, a figura de Atlas que soporta a bóveda celeste.

Domus-Casa do Home

A Domus é un museo interactivo dedicado de forma global e monográfica ao ser humano, e encóntrase no Paseo Marítimo de Riazor, nun edificio construído polo arquitecto xaponés Arata Isozaki.

O lema deste museo é "Coñécete a ti mesmo, como individuo e como especie". Busca espertar a curiosidade e provocar a reflexión sobre a nosa especie. Todo iso sen prescindir da diversión, o ingrediente máis estimulante en calquera actividade humana. 

Colección Fernando Blanco de Lema

O centro está situado no edificio coñecido como antiga Escola de Nenas, no centro da vila de Cee, erixido pola Fundación Fernando Blanco de Lema no soar da vella casa do seu mecenas.

A colección está formada na súa maior parte polo instrumental científico e o material didáctico das antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee, de finais do século XIX, entre os que se atopan medidores de diversas magnitudes, aparellos de mecánica, acústica, óptica, etc. Cabe salientar tamén as coleccións de animais, minerais e fósiles.

Subscribirse a A Coruña