Ir o contido principal

Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña

Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña

O museo

O Castelo de San Antón, antiga fortificación construída para a defensa da cidade da Coruña, sitúase fronte o Paseo do Parrote, na coñecida como “Illa da Pena Grande”. Durante o seu período insular (ata os anos 40 do século XX), San Antón comunicouse coa cidade dende a Casa de Botes ou do Boteiro, actualmente habilitada como biblioteca do Museo. 

A colección. En 1960 o Ministerio do Exército cedeu o edificio ao Concello da Coruña, creándose o Museo Arqueolóxico e Histórico da cidade, que abre as súas portas ao público en 1968. De titularidade municipal, conserva e expón pezas da prehistoria e da historia relacionadas co castelo, coa cidade e con Galicia. A exposición consta de tres seccións: arte medieval e heráldica (acceso e patio de armas), arqueoloxía (interior, planta baixa), historia do edificio e da cidade (interior, planta baixa e alta). A visita vese complementada co percorrido simultáneo pola arquitectura do castelo.

A exposición que exhibe o Museo Arqueolóxico e Histórico ten pezas de incalculable valor que abranguen dende as orixes da civilización en Galicia ata a historia máis moderna da cidade e da provincia; un túnel do tempo por descubrir paseando polas antigas dependencias da fortaleza.

Á saída da planta baixa pode visitarse A Cisterna, antigo alxibe escavado na rocha que recollía a auga da chuvia para abastecer ao Castelo. Na rampla de acceso á planta alta encontramos a Borna, unha reprodución dun barco da Idade do Ferro. Tamén no patio-xardín superior atópase a reconstrución da cista megalítica de Taraio (Malpica), e os petroglifos trasladados dende o Monte Outón-Polvorín, nas proximidades da Torre de Hércules, ademais do faro, um pozo... 

Na terraza superior, cubrindo o exterior da cúpula da capela, atópase un mural cerámico realizado pola fábrica de Sargadelos e deseñado por Francisco Xosé Pérez Porto (1987), no que se recollen episodios da historia e da lenda coruñesa: a Batalla de Elviña, a heroína María Pita, o atlante Xerión e Hércules...

Na Casa do Gobernador exhíbense obxectos do pasado recente da cidade: o Salón Barroco, a Sala do XIX coa Batalla de Elviña e a Guerra da Independencia ou a Sala das Navegacións, dedicada aos viaxes marítimos. Por último, a sancristía e a capela do castelo, de estilo neoclásico, está presidida pola Virxe do Rosario. 

Horario

Inverno (setembro a xuño):
Martes a sábado de 10 a 19:30 h.
Domingos e festivos de 10 a 14:30 h.
Verán:
Martes a sábado de 10 a 21 h.
Domingos e festivos de 10 a 15 h.
Pechado os luns
Pechado o 1 de xaneiro, martes de entroido e 24, 25 e 31 de decembro


Tarifas

Entrada xeral: 2 €

Entrada reducida: 1 €. Para estudantes, titulares do carné xove, menores de 14 anos, parados e maiores de 65 anos; grupos de máis de 20 persoas en visitas previamente concertadas.

Entrada gratuíta: todos os sábados do ano, incluídos os festivos; grupos educativos e asociacións do Municipio da Coruña, en visita previamente concertada; persoas con discapacidade; visitas patrocinadas polo Concello, previa resolución que así o declare; visitas de membros da Asociación de Amigos do Arqueolóxico e do International Council of Museums; o día dos Museos (18 de maio); os mestres responsables dos grupos, ou guías turísticos no desenvolvemento das súas tarefas, previa presentación do seu carné.