Ir o contido principal

A Xunta ofrece unha visión renovada da obra do pintor coruñés Alejandro González Pascual cunha mostra antolóxica no Museo de Belas Artes

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou o xoves 18 de novembro no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición antolóxica "Alejandro González Pascual (1930-1993)", coa que a Xunta ofrece unha visión renovada da obra e da traxectoria artística deste recoñecido pintor coruñés. Trátase de case un cento de pezas seleccionadas en estreita colaboración coa filla do artista, Blanca González Docampo, quen participou na inauguración xunto ao escritor Xavier Seoane, coautor con Luís Rei dos textos do catálogo que acompaña a mostra.

A exposición, que poderá visitarse ata finais de febreiro, estrutúrase en catro grandes bloques baseados na reiteración de temas de Alejandro González Pascual. Así, a través de Natureza, Bodegón, Estudio e Retrato “permítese unha achega á obra e á atmosfera do pintor, un mundo repleto de lirismo, sutileza e autenticidade”, segundo apuntou o secretario xeral.

Para Anxo M. Lorenzo, Alejandro González Pascual é “unha das figuras máis singulares da plástica galega das últimas décadas do século XX”. “A súa produción pictórica evoluciona desde a representación dun mundo exterior con paisaxes montañosas ata mergullarse nunha esfera do interior, en domésticos bodegóns, pasando polo microcosmos dos bosques a través de troncos, toradas e raíces”, engadiu.

Pezas nunca expostas

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu a cesión de pezas, tanto por parte de particulares, xa que a meirande parte delas proceden de coleccións privadas e moitas non foran nunca expostas, como de institucións, entre as que figuran a Deputación da Coruña, a Delegación do Goberno na Coruña, o Museo Provincial de Lugo, a Real Academia Galega ou a Colección de Arte Abanca, ademais da propia Xunta.

A exposición inaugurada enmárcase na serie de mostras monográficas organizadas polo Museo de Belas Artes sobre pintores galegos, como Tino Grandío, Antonio Tenreiro, Manuel Colmeiro, Felipe Criado e Alfonso Sucasas.

Por outra banda, cómpre sinalar que na actualidade este espazo museístico acolle tamén a exposición "O legado de Emilia Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña", inaugurada o pasado mes no marco da programación conmemorativa da Xunta polo centenario do pasamento da escritora galega e que permanecerá ata marzo de 2022.