Ir o contido principal

Preto de 1.200 escolares coñecen ata xuño o Museo do Castro de Viladonga

Tear vertical

Preto de 1.200 escolares de 24 centros de ensino de infantil, primaria e secundaria participan ao longo deste semestre no programa de actividades didácticas deseñado polo Museo Castro de Viladonga, situado en Castro de Rei. A iniciativa impulsada pola Xunta inclúe visitas guiadas ao castro e ao museo, con apoio de fichas didácticas adaptadas aos distintos niveis educativos.

O percorrido polo xacemento e as salas, nas que se afonda nos traballos arqueolóxicos, na contorna e na cultura castrexa e galaico-romana, complétase cunha oferta variada de obradoiros. Así, o alumnado pode achegarse aos tecidos e descubrir a técnica de elaboración de teas e o funcionamento dos teares verticais dos que hai constancia no período da romanización.

Outras das propostas afondan na olería, coa elaboración de pezas de barro a man para introducirse de xeito activo na cerámica castrexa, e na numismática, co coñecemento do proceso de cuñaxe dunha moeda. Por outra banda, co taller de arqueoloxía os/as escolares elaboran un caderno de campo no que, a través de diversas actividades, van descubrindo os usos e funcionalidades das distintas estruturas do castro.

Diversidade de espectáculos en maio

Estas accións didácticas enmárcanse na programación deseñada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no Museo Castro de Viladonga para este primeiro semestre do ano. A maiores da oferta específica para centros educativos, o espazo ten previstas en maio actividades para todos os públicos. Por unha banda, celebrarase o Día das Letras Galegas cunha lectura dramatizada a cargo da xornalista e escritora Tania Fernández Lombao e coa actuación musical do grupo Leña Verde. A maiores, no marco do Día Internacional dos Museos e da Noite nos museos, nas xornadas do 18 e do 21 de maio, haberá diferentes espectáculos, xogos tradicionais e concertos.