Ir o contido principal

Os museos do rural protagonizan a xornada anual de debate promovida pola Xunta

Intervención de Anxo M. Lorenzo

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou o venres na inauguración da xornada anual dos museos de Galicia, que se celebrou no Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia. Este ano, a cita céntrase nos museos rurais instalados en pequenas vilas de Galicia, tanto do interior como de zonas de montaña ou mariñeiras.

Baixo o lema Museos en ámbitos rurais e vilegos, o director xeral de Cultura inaugurou estas xornadas nas que participan nove centros galegos. "O obxectivo deste encontro é contribuír á definición dun modelo de museo que ten o seu espazo fóra dos centros urbanos”, afirmou. “Estes espazos comparten a necesidade de definir as súas actividades atendendo á especificidade da súa localización, á facilidade de acceso e á procura dun equilibrio, tanto nos seus servizos como na programación dos seus intereses”, engadiu Anxo M. Lorenzo, quen puxo en valor a cultura no rural.

É o segundo ano que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades celebra estas xornadas como foro de debate e de acollida dos máis de 80 centros que conforman o Sistema Galego de Centros Museísticos.

Programa da xornada

Durante a xornada, a conferencia inaugural correu a cargo de Fernando Seara, director do Museu do Douro, xestionado por unha fundación público-privada que, pola súa natureza, é o lugar de acollida da memoria, cultura e identidade desta rexión viñateira declarada Patrimonio da Humanidade.

Tamén participaron os museos xestionados pola Xunta de Galicia para achegar as súas experiencias en relación á transmisión de valores culturais do seu patrimonio e aos servizos que ofrecen á súa contorna. Púxose como exemplo o Museo Massó de Bueu, pola dinamización dun centro nunha vila mariñeira a través das súas coleccións. Ademais, o Conxunto Etnográfico do Cebreiro é paradigma da vida tradicional na montaña e na súa relación e peso específico no Camiño de Santiago. Así o amosaron as súas directoras, Covadonga López e Elena Varela, respectivamente.

Entre as experiencias de centros museísticos de iniciativa privada no ámbito rural, contouse co Ecomuseo de Arxeriz do Saviñao (Lugo), a cargo do seu director José Antonio Quiroga; e da Colección Museográfica Viva e Integrada do Campo e a Locomoción Agraria Muvicla de Láncara (Lugo), da man do promotor da colección, Marcos Vázquez. Durante a xornada, o presidente do padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada tamén deu a coñecer a experiencia deste centro.

Os asistentes a estes coloquios coñeceron, así mesmo, experiencias de centros museísticos de xestión municipal.