Fundado no ano 1984 por un padroado formado por veciños da Fonsagrada e do que na actualidade forman parte o Concello e os centros de educación primaria e secundaria, o museo ten pezas de etnografía, de arqueoloxía e de arte contemporánea.
A sección de etnografía presenta entre outras a instalación dunha adega, dunha forxa de ferreiro, e dunha lareira. Hai unha parte dedicada ós oficios rurais, outra á labranza, ao monte, á escola, á relixiosidade e á emigración onde se recollen os recordos da estancia en Bos Aires e A Habana dun emigrante da zona.
A parte dedicada á arqueoloxía expón pezas pertencentes a época megalítica, á época castrexa e á época da romanización.
A sección de arquitectura popular mostra, a través de maquetas, planos e fotografías as características constructivas, materiais, e tipos de vivenda máis frecuentes.
A colección de arte contemporánea, coñecida como 'De ida e volta' está formada principalmente por esculturas que se poden ver por todo o museo, obras de artistas como Ignacio Basallo, Mónica Alonso, Manolo Paz, Paco Pestana, Xoán Lamarti, Tereixa Gómez, Alvaro de la Vega, Manuel Patinha, Luís Borrajo, Fernando Villapol, Xurxo Oro Claro e Manuel Moldes.
Os obxectivos do museo son presentar as formas de vida e de traballo dunha comarca de montaña que están a piques de esquecerse por completo pola evolución dos tempos e propiciar a reflexión por parte do visitante sobre o valor da cultura tradicional e as circunstancias de cambio do medio rural.
Praza do Concello, s/n
27110 , A Fonsagrada
Tlf. 982340507
museofonsagrada@telefonica.net
Horario
15 de xuño a 15 de setembro:
Martes a domingo de 12 a 14 h. e de 17 a 19 h.
Resto do ano:
Martes a venres de 12 a 14 h.
Sábados e domingos de 12 a 14 h. e de 17 a 18 h.
Luns pechado.
Tarifas
Visita individual: 1,50 €
Entrada gratuíta para menores de 12 anos