O Museo das Peregrinacións presentou o catálogo da mostra “In Itinere”

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou o venres 3 no Museo das Peregrinacións e de Santiago o catálogo da exposición "In Itinere" para poñer en valor a pegada da ruta xacobea nos peregrinos. "Esta publicación busca enxalzar o Camiño de Santiago a través dos retratos de peregrinos que mostran o camiño interior que viven moitos deles", destacou Anxo M. Lorenzo.
O obxectivo é deixar constancia deste traballo do fotógrafo Javier Iglesias, que recolle unha serie de retratos dos peregrinos, tanto no punto de partida do Camiño Francés, en Roncesvalles, como na súa meta, en Santiago de Compostela.
A intención do artista neste traballo é a de captar coa súa cámara as facianas dos peregrinos para amosar que, independentemente da motivación para realizar o Camiño de Santiago, as persoas viviron un percorrido persoal que as transforma á súa chegada. O representante da Consellería de Cultura aproveitou a ocasión para animar a aqueles que non poden achegarse á exposición no Museo das Peregrinacións para que descubran estas fotografías no catálogo.