Ir o contido principal

In Itinere Fotografías de Javier Iglesias Ramos

Cartel

O camiño de Santiago non só é un camiño físico que percorre Europa, tamén é un camiño interior que transforma as persoas. Aínda que as motivacións que nos poden levar a realizalo poden ser múltiples (por lecer, por deporte, por unha promesa, por necesidade interior...), cando chegamos á cidade do apóstolo Santiago non somos iguais a cando partimos. Javier Iglesias Ramos propúxose capturar esta transformación coa súa cámara retratando os peregrinos en Roncesvalles e á chegada en Santiago. As súas facianas amósannos a devandita transformación.

Javier Iglesias Ramos naceu na Baña (A Coruña, 1965) e graduouse en Fotografía Artística na Escola de Arte Mestre Mateo de Santiago de Compostela no ano 1998.

Un dos seus proxectos máis destacados foi "Sahara no corazón", unha reportaxe sobre a vida nos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf, Alxeria. En 1999 foi finalista do III Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado da Deputación da Coruña, cun traballo sobre a problemática da drogadicción. A violencia de xénero tamén espertou o seu interese cun proxecto exhibido na Galería de Arte Sargadelos en Santiago de Compostela no ano 2005 e que foi acompañado do libro de fotografía A vida.

En xullo de 2014 levou a cabo dúas exposicións en Irlanda, durante o Galway Fringe Festival e o Kilkenny Arts Festival, co seu proxecto Scéalta Bruscar Sráide – Litter Bin Stories, unha recompilación de fotografías tomadas nos anos 2005 e 2006 na cidade de Dublín. En 2021 publicou o libro de fotografía PATIENTIA, unha obra que presenta unha visión poética do carácter irlandés a través da metáfora da turba e a súa cultura no oeste de Irlanda.

Foi galardoado e seleccionado en distintas ocasións, como na memoria dos premios de fotografía Luís Valtueña en Madrid en 1999, e na súa participación na XIX Fotobienal de Vigo no ano 2000.

Ligazóns