Ir o contido principal

O Museo das Peregrinacións inaugurou a mostra sobre a chacona cun concerto na catedral de Santiago

O pasado 7 de xullo o Museo das Peregrinacións e de Santiago organizou un evento musical que se enmarca nos actos de inauguración da exposición "Chacona, a canción de Santiago", presentada no museo o día 8. O grupo musical Resonet, acompañado pola Escolanía da Catedral de Santiago e o Obradoiro de Música Tradicional Ultreia, ofreceu o concerto na catedral de Santiago.

Nun marco incomparable, no altar maior do templo compostelán, a volta do canto Sante Jaco a Compostel á mesma localización na que o recolleu William Wey fai cinco séculos foi un dos momentos máis impactantes da noite.

A chacona é un dos máis sólidos elementos históricos que contribúen a dar unidade ao mundo occidental. Forma musical, danza, estrutura construtiva presente durante séculos en todos os ámbitos da sociedade europea e americana, é considerada un dos tesouros que a cultura barroca legou de forma permanente ao patrimonio universal.

A chacona foi recreada por practicamente todos os compositores e as compositoras durante máis de dous séculos. Monteverdi, Haendel, Vivaldi, Bach, entre moitos outros, compuxeron chaconas que hoxe son consideradas entre as máis grandes obras de arte da humanidade. Nese tempo, todas as persoas que cantaban e tocaban nos templos, nos teatros, nos palacios, nas casas e nas prazas de toda Europa e América coñecían, improvisaban e interpretaban chaconas.

Investigadores de todo o mundo buscaron dende o século XIX as orixes da chacona. A teoría máis aceptada foi, ata hoxe, que viña de América.

No ano 1456, uns nenos cantaban e danzaban unha cantiga na catedral de Santiago. Era un canto sinxelo pero cunha forza emotiva e un refinamento descomunal. Era un deses cantos que non se poden esquecer. O peregrino inglés William Wey estaba alí e copiouno no seu diario. Esa é a primeira chacona escrita. O canto de Jaco, de Tiago, de Santiago. O Camiño de Santiago foi a vía pola que o canto de Santiago chegou a todos os recunchos do mundo cristián, inicialmente nas voces de peregrinos e peregrinas e nas súas guitarras.

A chacona é o maior conxunto patrimonial relacionado con Santiago de Compostela e os seus camiños descuberto nos últimos 100 anos.

Neste concerto, que iniciou unha serie de iniciativas que celebrarán esta descuberta, Resonet, o grupo profesional de música antiga máis prestixioso de Galicia, presentou un apaixonante percorrido por algunhas das chaconas máis coñecidas e outras que quedaron esperando nos arquivos ata hoxe.

Acompañados pola Escolanía da Catedral de Santiago e o Obradoiro de Música Tradicional Ultreia, os instrumentistas e cantantes de Resonet interpretaron por primeira vez despois de 5 séculos o canto Sante Jaco a Compostel e outras chaconas que son mostra da infinita riqueza que agora se achega, para integrarse definitivamente ao apaixonante universo do patrimonio xacobeo.

Santiago de Compostela foi e segue sendo fonte de inspiración artística e espiritual. A chacona é unha das súas grandes achegas ao patrimonio universal, ata hoxe descoñecida como tal.