Ir o contido principal

O Museo das Peregrinacións e de Santiago conmemora o seu 70 aniversario cunha programación que reforzará a súa conexión co público

Acto de inauguración

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou a programación que a Xunta de Galicia está a organizar para conmemorar o 70 aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago, coa que se reforzará a súa conexión co público a través de visitas guiadas teatralizadas, obradoiros, conferencias, concertos ou exposicións.

Como expresou, trátase dunha programación variada e dirixida a todos os públicos coa que a Xunta quere poñer en valor o papel estratéxico dun museo “que alberga algúns dos fondos máis valiosos sobre o culto xacobeo e que leva sete décadas divulgando as raíces xacobeas de Galicia e da cidade de Santiago”, indicou. Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse á importante actividade complementaria que nos últimos anos desenvolve o museo tanto desde o punto de vista expositivo como cunha ampla programación anual para todas as idades, “constatando o seu papel activo na cultura galega que queremos reforzar con esta programación conmemorativa”, declarou.

Así, para dar continuidade a estas actividades, as conmemoracións do 70 aniversario arrincaron en setembro para achegar o museo ao público a través de visitas e teatralizacións. Comezou o venres 17 de setembro cun itinerario e visita teatralizada a cargo da Compañía TEP con saída da antiga sede do museo, a Casa Gótica da rúa San Miguel. Hai, ademais, visitas guiadas ao museo os días 21, 22, 23 e 24 ás 18.00 horas e o sábado 25 ás 12.00 e ás 18.00 h.

Durante o mes de outubro será a quenda dos obradoiros, conferencias e concertos. Así, o sábado 2 de outubro de 11.30 a 13.30 horas organízanse nos soportais do museo os obradoiros de acibeche, a cargo de Ricardo Rivas, e de ourivería, a cargo de Julio Lado. O venres 8 de outubro prográmase a conferencia "Vida de músico na Galiza medieval", a cargo de Francisco Luengo; o sábado 16 os/as máis pequenos/as terán a oportunidade de participar nun obradoiro infantil de xoguetes sonoros a cargo de Xaneco a partir das 11.30 horas. Ademais, o sábado 23 ás 19.30 h a Banda Municipal de Santiago actuará cun concerto de cuarteto de clarinetes ás 19.30 h.

A programación continuará no mes de novembro. Volverán as visitas guiadas ao museo os días 2, 3, 4 e 5 ás 18.00 horas e o sábado 6 ás 12.00 e ás 17.00 h. O sábado 6 de novembro Manuel Gallego Jorreto impartirá unha charla a partir das 18.30 h sobre a construción do Museo das Peregrinacións. O mércores 17 prográmase a conferencia "As músicas de Santiago. Vídeos e papeis de educación" a cargo de Fernando Reyes ás 19.30 horas. O sábado 20 Resonet ofrecerá o concerto de música antiga "As músicas de Santiago", ás 19.00 horas. Para todas estas actividades será precisa inscrición previa no correo reservas.mdperegrinacions@xunta.gal.

Próximas exposicións

A programación completarase con tres exposicións. Trátase de "Próxima parada", unha mostra que sae do recinto da sala de exposicións para pisar a rúa. Nela, o escultor Álvaro de la Vega rende homenaxe ás mulleres que fan o Camiño de Santiago a través dunha ducia de tallas orixinais en madeira e que se poderá visitar no mes de outubro.

Tamén está prevista a exposición "Destino", de Manuel Valcárcel. Trátase dun proxecto fotográfico e audiovisual sobre catro peregrinacións, a de KORA e Saga Dawa no Tíbet, a de Grand Magal no Senegal, a de Wirikuta en México e o Camiño de Santiago, que se programará en novembro. Ademais, con vistas ao ano 2022, o Museo das Peregrinacións acollerá a exposición "Chacona. O canto de Santiago na construción de Europa", comisariada por Fernando Reyes. A mostra estará centrada no vínculo do Camiño de Santiago coa chacona, unha danza e forma musical que estivo presente na cultura occidental desde principios do século XVI.