Ir o contido principal

O Museo das Peregrinacións acolleu unha xornada sobre Museos sociais

Foto de familia

O pasado martes 4 de outubro tivo lugar a Xornada "Museos sociais", organizada pola Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia e coordinada polo Servizo de Museos.

O encontro, que se levou a cabo no Museo das Peregrinacións e de Santiago, na súa sede da praza das Praterías, foi convocado como unha xuntanza para pór en común as experiencias e dar visibilidade ao traballo dos museos a prol da inclusión social, accesibilidade e igualdade.

A convocatoria espertou un grande interese, e asistiron numerosas persoas que traballan en diversos museos e centros museísticos de toda Galicia.

Nas conferencias da xornada abordáronse temas sobre as futuras liñas de actuación dos museos para que estes centros sexan máis inclusivos, accesibles, igualitarios, abertos, sostibles e interculturais.

As sesións destas xornadas foron gravadas e en breve poderán visionarse dende unha ligazón que se publicará neste portal. Deste xeito, todas as persoas interesadas nestes temas que non puideron asistir ás xornadas poderán ter acceso aos seus contidos.

O encontro foi presentado por Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura, e a continuación tratáronse os seguintes temas:

  • "Que museo necesitamos? Folla de ruta para un museo máis social e sostible", por Olga Ovejero Larsson, xefa da Área de Difusión e Desenvolvemento da Subdirección Xeral de Museos Estatais do Ministerio de Cultura e Deporte.
  • "O enfoque de xénero nas museografías", por Covadonga López de Prado Nistal, directora do Museo Massó de Bueu.
  • "Proxectos: identidades e Museo en movemento", por Manuel Mosquera Cobián e Ana Vasco del Castillo, da Área de Difusión do Museo de Belas Artes da Coruña.
  • "Museo Aberto", por César Llana Rodríguez, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia.
  • "Aplicación CIMA. Un recurso gratuíto para facilitar a información accesible no marco do proxecto Erasmus+ ALLURE", por Fátima García Doval, xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura Educación, FP e Universidades, e Enrique Costa Montenegro, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTIC no Grupo de Tecnoloxías da Información, GTI.

Á clausura do acto asistiron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, e Carmen Calviño, subdirectora xeral de Arquivos e Museos.

Como peche das xornadas, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, como anfitrión, ofreceu aos/ás participantes unha visita comentada á exposición temporal "Chacona. A canción de Santiago" a cargo do seu comisario Fernando Reyes.