Ir o contido principal

O conselleiro de Cultura inaugura unha exposición de Tino Martínez no Museo das Peregrinacións e de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou a contribución que as romarías e festividades tradicionais están a ter no impulso da cultura popular galega e animou a seguir poñéndoas en valor. Así o manifestou o pasado 2 de xullo durante a inauguración da exposición "Fe. Tino Martínez 1971-2016" no Museo das Peregrinacións e de Santiago, que recolle preto dun centenar de fotografías destas festividades a cargo do artista compostelán.

Como expresou, estas imaxes son testemuño dos últimos 45 anos da historia de Galicia coas que o seu autor, Tino Martínez, converte a exposición en toda unha “crónica sentimental de toda unha xeración de galegos”. “Xa sexa na romaría do Corpiño de Lalín ou do Nazareno da Pobra do Caramiñal, os protagonistas das imaxes fálannos con sinceridade e esa franqueza inscríbese na tradición galega da teima, do perdón e a memoria”, expresou.

O titular de Cultura da Xunta agradeceu o esforzo artístico de Tino Martínez e a súa contribución a enriquecer o catálogo do Museo das Peregrinacións e de Santiago facéndoo máis universal con mostras como esta. Salientou tamén o papel que está a ter o museo para reactivar progresivamente a actividade cultural con seguridade.

Neste sentido, referiuse ás distintas actividades que reúne o centro museístico, incluíndo a súa mostra permanente especialmente estratéxica neste ano santo que fai do museo “un motor fundamental para a ilustración do valor relixioso, artístico e patrimonial que supón o Camiño de Santiago”.

Esta proposta, xunto coas exposicións temporais como a acabada de inaugurar, demostran neste ano no que se cumpren 70 desde a súa fundación “o seu continuo afán de crecemento e de investigación”.

Fotografías inéditas

"Fe. Tino Martínez 1971-2016" está composta por 90 fotografías realizadas en analóxico e en branco e negro nas que o autor recolle a devoción e fe da xente que participa nalgunhas celebracións populares como a do Nazareno, na Pobra do Caramiñal; os Milagres de Amil, en Pontevedra; o Santo Cristo de Xende, na Lama; a Virxe da Xunqueira, en Cee; Santa Marta de Ribarteme, nas Neves, ou o Corpiño, en Lalín.

Algunhas das imaxes formaron parte de varias exposicións nacionais e internacionais desde finais da década dos anos 70, pero na súa gran maioría son fotografías inéditas expostas por primeira vez nesta exposición, que permanecerá no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o 31 de outubro.