Ir o contido principal

Nova campaña de escavacións no Castro de Viladonga

Esta semana comezou unha nova campaña arqueolóxica no Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), promovida pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FEDER Galicia 2014-2020.

A intervención arqueolóxica está dirixida pola arqueóloga Yolanda Álvarez González e conta como responsable da fase de consolidación e restauración co arqueólogo-restaurador Miguel Ángel López Marcos. Ten por obxecto a realización  de traballos de investigación, documentación, escavación, consolidación e acondicionamento dunha serie de espazos e estruturas arqueolóxicas localizadas no sector nordés da croa do Castro de Viladonga que suman unha superficie de actuación duns 830 m2.

En parte deste sector actuouse na campaña arqueolóxica do ano 2018, cuxos resultados permitiron descubrir un monumental alxibe que abastecía de auga ao poboado castrexo, ademais doutras estruturas arqueolóxicas nas que agora se necesita intervir definitivamente e ampliar a súa área de intervención coa finalidade de favorecer a súa investigación, garantir a súa conservación e protección e conseguir a súa posta en valor e mellor comprensión e visibilidade por parte do público que visita o xacemento.

Xunto a esta actuación principal tamén se levará a cabo a escavación e restauración dun tramo de 50 m2 do lenzo interior da muralla que defende a croa do Castro de Viladonga que sufriu un derrubamento en febreiro do 2019 como consecuencia das intensas chuvias desas datas.

De forma paralela á intervención arqueolóxica organizaranse visitas guiadas, charlas e diferentes accións de divulgación nas redes sociais (blog, Instagram e Facebook).