3 de marzo do 2021 A exposición "Vestir épocas" amplíase ata o 4 de abril

Museo de Belas Artes da Coruña

A exposición “Vestir épocas, 1860-1960” pode visitarse no Museo de Belas Artes da Coruña dende o 29 de outubro. A boa acollida entre o público a pesar das restricións impostas pola pandemia, con xa case 6.000 visitantes, motivou a súa ampliación ata o 4 de abril, coincidindo coa Semana Santa.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, explicou que as visitas presenciais se realizan con todas as medidas de seguridade sanitaria e cunha capacidade máxima do 33%. En calquera caso, explicou que as persoas que non poidan desprazarse á Coruña para ver a mostra, poden visitala de xeito virtual a través da súa páxina web, unha opción que só na súa primeira semana en liña recibiu preto de 1.000 visitantes.

A mostra “Vestir épocas, 1860-1960” componse de máis de 300 obras da prestixiosa colección de Ana González-Moro que abranguen 100 anos de creación téxtil, desde 1860 a 1960. Trátase de pezas de gran beleza, técnica, singularidade e relevancia histórica que se poñen en diálogo e relación coas obras de arte da colección permanente do museo tendo en conta a súa iconografía, época e uso.

Pódese ampliar o contido da mostra nas seguintes ligazóns:

Nova sobre a inauguración da exposición

Ficha da exposición na web do Museo de Belas Artes da Coruña

Visita virtual

Galería

  • Vista dos tocados e sombreiros

  • Vista dunha sala

  • Vista xeral