29 de outubro do 2020 Inaugurada a mostra "Vestir épocas, 1860-1960. A colección González-Moro"

Museo de Belas Artes da Coruña

O Museo de Belas Artes da Coruña inaugurou a exposición temporal Vestir épocas, 1860-1960. A colección González-Moro, que se poderá visitar ata o 14 de marzo de 2021.

O obxectivo desta exposición é ofrecerlle á cidadanía unha programación de calidade en contornos destacados do patrimonio cultural, co fin de promover e fomentar o interese creativo do conxunto da poboación de Galicia, en concordancia coas competencias e funcións da Consellería de Cultura.

Con esta mostra trátase de achegar á cidadanía os usos e costumes asociados a unhas épocas determinadas, na que constitúe a primeira mostra dedicada de forma monográfica á temática da moda en exclusividade no Museo de Belas Artes da Coruña.

Trátase de poñer en diálogo e relación as pezas de indumentaria e complementos pertencentes á colección téxtil da familia coruñesa González-Moro, que abrangue un rango de tempo desde os anos 1860 ata os anos 1960, coas obras de arte da colección permanente do museo tendo en conta a súa iconografía, época, uso etc.

As máis de trescentas pezas que conforman a exposición son roupas de gran beleza, prodixio técnico, singularidade museográfica e relevancia histórica, confeccionadas principalmente en Galicia e pertencentes na súa meirande parte á vida en Galicia. Reflicten a moda urbana, local e cosmopolita, artesá e industriosa, a moda dun mundo moderno en constante troco e movemento.

As modas destas épocas están feitas acompasando a alborada da industria ou inicio da confección en serie co traballo esencial das modistas, dos xastres e dos familiares que cosían, tecían, reformaban, prestaban, bordaban ou reparaban as prendas e os tecidos. Son obxectos e roupas que seguen as modas das épocas nas que se crearon e incorporan as singularidades de quen as levaban. Son roupas que son herdanzas e memoria.

Esta é unha mostra moi inspiradora que pon en valor o téxtil nas artes, outorga importancia á memoria e á virtude de quen arquiva, ordena e colecciona como é o caso de Ana González-Moro, pois ela salvagardou estes anacos de historia para nós. A súa colección achega valores como o de conservar, coñecer, amar e construír un patrimonio colectivo.

Esta é unha mostra que considera a importancia da memoria e da historia en Galicia dende a perspectiva do traxe e dirixe a mirada a unha manifestación cultural, a unha arte que é principal na nosa contemporaneidade, a moda. Desta volta a moda é residente privilexiada no Museo de Belas Artes, un espazo onde están representadas todas as artes e que agora convida á moda nas súas salas. As roupas e obxectos ocupan o museo entre as obras da colección, establecendo un diálogo entre a idealización da arte e o realismo da roupa, entre os movementos artísticos e as épocas que os visten.

Así, a moda é unha convidada de honra no Museo de Belas Artes, a máis recente das manifestacións culturais que accede ás salas deste e outros museos en todo o mundo. A moda na súa natureza heterodoxa representa o espírito da época actual e o Museo de Belas Artes da Coruña desexa incorporar este espírito da época ao seu acervo.

O proxecto expositivo desenvólvese baixo a coordinación da dirección do Museo de Belas Artes da Coruña, coa participación do persoal técnico do museo, e conta co comisariado do arquitecto Fernando Agrasar Quiroga e do especialista en moda Román Padín Otero, encargados tanto dos contidos do discurso expositivo como do deseño da exposición.

 

Galería

  • Inauguración

  • Folleto