Ir o contido principal

Achado dunha machada votiva no Castro de Viladonga

Nos traballos de escavación retomados hai uns días nesta campaña 2019-2020 no Castro de Viladonga, vén de aparecer unha extraordinaria peza que, ademais de singular, achega unha grande información.

Trátase dunha machada votiva de bronce asociada a rituais de sacrificio. O excepcional achado apareceu durante os traballos de escavación do monumental alxibe descuberto na anterior campaña, cando se finalizaba a extracción de parte do contido. No fondo, sobre as escaleiras de acceso ao alxibe, aparecía esta pequena machada votiva de bronce de apenas 13 cm e 22 gramos de peso, asociada a outros materiais, principalmente cerámica, ósos e restos de carbón. As análises do material orgánico da campaña anterior confirmaron as sospeitas de que se trataba dunha construción castrexa prerromana do século III a. C. anterior á construción da muralla.

A súa importancia radica na decoración que presenta. Non é a primeira vez que se atopan machadas sacrificiais no noroeste, como o demostran as de Cariño, Lalín ou Cervo, pero é sen dúbida a machada votiva máis rica en decoración. No colgante desenvólvense os elementos comúns a estas pezas, como a propia machada, os sogueados ou o torque, ademais dun prótomo de touro, un xabaril na zona mesial e un prótomo de carneiro na zona distal. O colgante en forma de machada votiva está relacionado con ritos de sacrificio desenvolvidos na segunda Idade de Ferro no noroeste peninsular e enriquece o material ergolóxico do Castro de Viladonga. Tanto a machada como o alxibe recentemente descuberto son unha nova atracción para o/a visitante dun xacemento cada vez máis rico e espectacular.