O Centro Etnográfico O Seixidal, como centro de interpretación do patrimonio cultural, reviste interese tanto desde o punto de vista do patrimonio material como inmaterial e contribúe a achegar coñecemento á cidadanía sobre elementos do patrimonio etnográfico de Galicia, en particular sobre un xeito de vida tradicional case desaparecido na actualidade pero que aínda forma parte da nosa memoria colectiva e da nosa identidade cultural.
Este centro recupera a memoria dunha forma de vida a nivel doméstico, na intimidade dos fogares, pero sobre todo a vida na aldea e a explotación dos recursos agrícolas de xeito colectivo. Esta participación colectiva nas tarefas agrícolas da aldea xeran tradicións que traspasan o ámbito laboral e favorecen a creación dun folclore que abarca a vestimenta, a música, os xogos...
Está presente tamén, xa desde a mesma denominación da aldea e do centro, o aproveitamento dos recursos naturais da comarca: o seixo, como mineral protagonista das construcións do lugar.
O centro de interpretación está formado por tres edificacións (antigas vivendas), un auditorio ao aire libre e unha zona de parcela dedicada a árbores froiteiras e outra a plantación de cereal. Estas edificacións mostran o tipo de construción, funcionamento e usos das vivendas tradicionais galegas e así mesmo son o punto de partida para o aproveitamento da leira na que se sitúa recuperando plantacións tradicionais, árbores autóctonas e usos perdidos dos terreos.
O centro organiza diversas actividades para todos os públicos, sobre todo nos espazos ao aire libre, con diversos obradoiros sobre o pan, a cestería, a poda, etc.
A actividade máis importante é a malla. É o evento referente no Seixidal, celebrado anualmente en setembro desde hai seis edicións. Nesta xornada realízase unha demostración real coas máquinas e motores da colección para separar o gran de trigo da palla. Unha maneira de poder ver o funcionamento destas máquinas que se movían de aldea en aldea de maneira itinerante para este traballo comunitario. A festa culmina coa formación dun gran palleiro que permanece no campo durante todo o ano e un xantar popular.
Horario
Todos os xoves de 16:00 a 20:00 horas.
Fóra dese horario, o centro abrirá baixo demanda para grupos previa cita a través de contacto co Concello das Somozas.
Tamén abrirá para determinados eventos e días especiais durante o ano.
Tarifas
Entrada gratuíta