Do 12 de marzo ao 31 de agosto do 2020 Eiravella. Luz de estrelas

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Esta exposición presenta O Camiño a través da obra de Eiravella que el reinterpretou na súa serie principal “Camiño de Santiago. Luz de estrelas”.

Con esta exposición a través da obra de Eiravella móstrase a reinterpretación que o autor fixo da ruta xacobea. Dentro dos proxectos expositivos do museo relacionados coa peregrinación do ser humano a través de diversas expresións artísticas de calidade, esta supón ademais a primeira vez que se achega o tema do Camiño de Santiago dende a óptica dun artista galego contemporáneo de recoñecido prestixio. De nome real Juan Otero García (Portas, 1934 - Ribadumia, 2019), populariza o seu pseudónimo, Eiravella, que procede da súa aldea natal.

A fundamentación teórica do proxecto está realizada polo comisario, Gonzalo Sellés Lenard. A exposición realízase cunha selección da colección “Camiño de Santiago. Luz de estrelas” e está composta na súa gran maioría de pezas de óso de cachalote, pedra, madeira e algúns bronces, ademais de pinturas referenciais, debuxos e bosquexos. Tamén se conta con textos propios do artista e textos que se escribiron sobre a obra e figura de Eiravella.

Na mostra inclúense obras nunca antes expostas contando co préstamo de pezas que actualmente se atopan en importantes coleccións, tanto privadas como públicas.

Para engadirlle un sentido didáctico á exposición, esta compleméntase tamén con elementos do Camiño de Santiago e mais do mundo das baleas, procedentes da colaboración de coleccionistas particulares, museos do mar e institutos oceanográficos. Cabe lembrar neste caso que a colección está baseada tanto no Camiño de Santiago como nas rutas que utilizaban os baleeiros nos mares do norte seguindo a Vía Láctea (costas de Bretaña, Irlanda, Islandia e Groenlandia).

Eiravella presenta unha grande iconografía, baseada nas formas do románico e o gótico europeo, que estudou durante os seus anos de residencia en Europa, mesturado con toda a idiosincrasia popular galega, principalmente as formas escultóricas de pequenas capelas e cruceiros, así como o profundo coñecemento das formas estéticas presentes nas esculturas de cabezas da cultura castrexa. Liñas curvas, volumes rotundos, dozura nas expresións, deliberada desproporción dos canons... danlle unha personalidade inconfundible.