Ir o contido principal

4 de outubro - 09:30h Museos sociais Xuntanza para por en común as experiencias e dar visibilidade ao traballo dos museos a prol da inclusión social, accesibilidade e igualdade

A Xornada “Museos Sociais” forma parte das actividades promovidas dende a Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e está dirixida as máis de oitenta institucións que forman parte do Sistema Galego de Centros Museísticos co fin de fomentar a cooperación entre os centros museísticos, promover a formación do persoal e establecer un foro no que compartir experiencias.

Coordinada polo Servizo de Museos, esta xornada céntrase en experiencias realizadas nestes últimos anos co fin de dar visibilidade ao traballo que están a desenvolver os museos co fin de acadar unha sociedade máis igualitaria e fomentar os valores de inclusión social, accesibilidade, igualdade, sostibilidade e interculturalidade.

 

Museos para todos e dinamizadores da sociedade

Na actualidade, semella innecesario afirmar que os museos son para todos os públicos. Non obstante, a realidade obríganos a insistir nos aspectos que se recollen na propia definición e razón de ser dos museos, de servir a todas as idades, xéneros e procedencias, niveis de formación ou capacidades, fomentando a sensibilidade cara á diversidade cultural e social que nos rodea.

Consolidadas outras funcións máis tradicionais dos museos como conservar, documentar, ou investigar, hoxe en día as aspiracións dos museos deben desenvolverse cara a inserción plena destas institucións no tecido social para converterse nun axente social máis.

Está tamén amplamente aceptado que, no mundo global, tecnolóxico e cambiante, os museos deben de ir máis aló da oferta expositiva, e actuar como institucións dinamizadoras da sociedade na que se integran. Actuación na que moitos museos están inmersos xa na actualidade, tentando dar resposta aos cambios e, en concreto, dinamizando a súa contorna e visibilizando colectivos con maior marxe de exclusión.

En Galicia, a Lei  7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, naceu co espírito de reforzar o innegable carácter social dos centros museísticos, ligado á concepción de servizos públicos de estudo, participación e interacción culturais, nas súas diversas formas de expresión.

Dirixidas a:

Profesionais, persoal técnico e bolseiro dos centros museísticos de Galicia, preferentemente daqueles que forman parte do Sistema Galego de Centros Museísticos.

 

PROGRAMA

A Xornada será unha posta en común da situación actual, cunha conferencia inaugural que marcará a folla de ruta e o contexto para un museo máis social e sostible seguida de intervencións de profesionais dos museos xestionados pola Dirección Xeral de Cultura que se están a desenvolve.

Tamén serán gravadas as ponencias, xunto a unha persoa interprete en lingua de signos para na súa difusión posterior, dar accesibilidade ás persoas xordas. Así mesmo, de forma indirecta, deuse participación á persoas que traballan pola integración das persoas con diversidade funcional como a Fundación Igual Arte, que realizaron a ilustración para o cartel da xornada. A Fundación Igual Arte traballa dende o ano 2002 co obxecto de que todas estas persoas poidan expresarse de maneira artística.

A xornada desenvolverase do seguinte xeito:

- 9:30 h. Presentación da Xornada. Anxo Lorenzo Suárez. Director Xeral de Cultura.

- 10:00-10:45 h.  Que museo necesitamos? Folla de ruta para un museo máis social e sostible. Olga Ovejero Larsson, Xefa da Área de Difusión e Desenvolvemento da Subdirección Xeral de Museos Estatais. Ministerio de Cultura e Deporte

- 10:45-11:30 h. O enfoque de xénero nas museografías. Covadonga López de Prado Nistal. Directora do Museo Massó de Bueu

- 11:30-12:00 h. Descanso

- 12:00-13:15 h. Proxectos: identidades e Museo en movemento. Manuel Mosquera Cobián. Ana Vasco del Castillo. Área de Difusión do Museo de Belas Artes da Coruña

- 13:15-14:00 h. Museo Aberto. César Llana Rodríguez. Director do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

 

- 16:30-17:30 h. Aplicación CIMA. Un recurso gratuíto para facilitar a información accesible no marco do proxecto Erasmus+ ALLURE. Fátima García Doval. Xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación. Consellería de Cultura Educación, F.P. e Universidades

- 17:30 h. Clausura

Visita comentada ao Museo das Peregrinacións e de Santiago.