4 de outubro - 09:30h Museos sociais Xuntanza para por en común as experiencias e dar visibilidade ao traballo dos museos a prol da inclusión social, accesibilidade e igualdade

A Xornada “Museos Sociais” forma parte das actividades promovidas dende a Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e está dirixida as máis de oitenta institucións que forman parte do Sistema Galego de Centros Museísticos co fin de fomentar a cooperación entre os centros museísticos, promover a formación do persoal e establecer un foro no que compartir experiencias.
Coordinada polo Servizo de Museos, esta xornada céntrase en experiencias realizadas nestes últimos anos co fin de dar visibilidade ao traballo que están a desenvolver os museos co fin de acadar unha sociedade máis igualitaria e fomentar os valores de inclusión social, accesibilidade, igualdade, sostibilidade e interculturalidade.
Museos para todos e dinamizadores da sociedade
Na actualidade, semella innecesario afirmar que os museos son para todos os públicos. Non obstante, a realidade obríganos a insistir nos aspectos que se recollen na propia definición e razón de ser dos museos, de servir a todas as idades, xéneros e procedencias, niveis de formación ou capacidades, fomentando a sensibilidade cara á diversidade cultural e social que nos rodea.
Consolidadas outras funcións máis tradicionais dos museos como conservar, documentar, ou investigar, hoxe en día as aspiracións dos museos deben desenvolverse cara a inserción plena destas institucións no tecido social para converterse nun axente social máis.
Está tamén amplamente aceptado que, no mundo global, tecnolóxico e cambiante, os museos deben de ir máis aló da oferta expositiva, e actuar como institucións dinamizadoras da sociedade na que se integran. Actuación na que moitos museos están inmersos xa na actualidade, tentando dar resposta aos cambios e, en concreto, dinamizando a súa contorna e visibilizando colectivos con maior marxe de exclusión.
En Galicia, a Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, naceu co espírito de reforzar o innegable carácter social dos centros museísticos, ligado á concepción de servizos públicos de estudo, participación e interacción culturais, nas súas diversas formas de expresión.
Dirixidas a:
Profesionais, persoal técnico e bolseiro dos centros museísticos de Galicia, preferentemente daqueles que forman parte do Sistema Galego de Centros Museísticos.
PROGRAMA
A xornada desenvolverase do seguinte xeito:
Visita comentada ao Museo das Peregrinacións e de Santiago.