Museos de Galicia

Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

O museo

O Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba pasa a ocupar a actual sede no verán de 2002. A súa temática cínguese ó espacio cronolóxico que engloba dende o Paleolítico ata a Época Romana no Noroeste peninsular. Os materiais arqueolóxicos que acolle proveñen, principalmente, de depósitos particulares e das descubertas realizadas no transcurso de escavacións arqueolóxicas promovidas polo museo e por outras entidades e profesionais.

Na exposición permanente preséntase a mellor e máis completa colección en Galicia de materiais dende o Paleolítico ao Mesolítico, destacando os restos da ocupación humana máis antiga de Galicia e o primeiro obxecto de arte da nosa terra.

Da Idade da Pedra Pulida, expóñense materiais de diferentes xacementos neolíticos e de contextos megalíticos. Da Idade de Bronce exhíbense materiais metálicos e cerámicos, xunto cun petróglifo. A Idade de Ferro, representada polo Fenómeno Castrexo, está personalizada por restos zoolóxicos e botánicos que serviron de alimento destas poboacións, xunto con vasillas cerámicas e outros elementos líticos e metálicos. Da Época Romana amósase cerámica (terra sigillata), vidro, moedas, restos de ánforas e materiais cerámicos de construcción.

A exposición está dividida en bloques temáticos, ofrecendo información en tres niveis, buscando con isto non só expoñer uns restos arqueolóxicos, senón que os visitantes poidan comprender as sociedades que os produciron. Ademais da exposición permanente, organiza exposicións temporais itinerantes e outras actividades: cursos, seminarios, laboratorios, conferencias... tanto para o público en xeral coma para especialistas.

Galería