Museos de Galicia

Parque Etnográfico do Río Arnoia

O museo

O Parque Etnográfico do Río Arnoia nace como resposta a unha idea de recuperación e integración na vida da vila de Allariz dos elementos do patrimonio etnográfico que aínda subsisten sobre o territorio, pertencentes ás actividades económico-culturais xeradas ó redor do río Arnoia, principalmente o curtido de peles e a transformación de gran de cereal.

É por isto que está constituído por tres elementos: Muíño do Burato, Museo do Tecido “O Fiadeiro” e Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras”, todos eles mostras moi representativas do que nun tempo significou o modo de vida e a economía desta zona, claramente ligada ó río Arnoia.

O Muíño do Burato (na Praza do Matadoiro), en funcionamento dende o ano 1992, é unha mostra ben significativa dos numerosos muíños hidráulicos que se poden atopar ao longo do río Arnoia. Trátase dun muíño de turbina, mecanismo posterior ao rodicio tradicional, con dúas moas, incorporando nunha delas o funcionamento con motor eléctrico. Dende a súa rehabilitación un muiñeiro mostra aos visitantes a tradicional moenda de gran de cereal.

O Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras” ocupa gran parte dun emblemático edificio recentemente recuperado, situado á beira do río Arnoia. Na zona adicada a museo, onde se localizan os pilos do curtidoiro, amósanse as ferramentas empregadas neste oficio (coitelos de pelar, de escarnar, de aprimar, táboas, mesa de engraxar, lunetas, mazo, teazas, aparello de rematar, etc.), o que permite comprender, xunto coas explicación que se ofrecen nos paneis, todo o proceso de curtir. No piso superior do edificio habilitouse un obradoiro onde un artesán traballa o coiro e un espazo dedicado a aula no que se desenvolven os cursos de artesanía organizados polo museo.

Galería