Museos de Galicia

Museo do Pobo Galego

O museo

O museo sitúase no edificio do antigo convento de San Domingos de Bonaval (s. XVII-XVIII). As primeiras salas abriron no ano 1977; dende entón o museo, con gran base social en Galicia, rehabilitou todo o recinto conventual e incrementou os seus fondos, algo que lle permitiu ampliar os seus espazos expositivos e mostrar as diversas manifestacións da cultura galega.

O Museo do Pobo Galego é un museo de carácter antropolóxico, pero tamén acolle salas de pintura, escultura e arte sacra. As principais coleccións están en relación coa cultura popular, gardando valiosos fondos referentes ao mundo mariñeiro e agrario. Outras seccións son as de hábitat, arquitectura, oficios e imprenta, xunto aos espazos dedicados á sociedade. Igualmente posúe unha excelente colección do traxe e encaixe tradicionais, así como de instrumentos musicais. O percorrido polo museo permite apreciar as coleccións e os obxectos en relación a súa utilización orixinal. 

O museo conta cunha grande oferta de servizos, como unha biblioteca que tenta ser un referente bibliográfico da cultura galega, albergando os fondos de Xaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite, Antón Fraguas Fraguas, Antonio Rodriguez Fraiz, Manuel Beiras García e a familia Baltar, amais dun arquivo gráfico e documental con fondos procedentes de diversas entidades políticas, sindicais, sociais, así como achegas de empresas e particulares. 

Dispón igualmente de salas para exposicións temporais, auditorio, sala de audiovisuais e salas de reunión.

A igrexa de Bonaval (s. XIII-XVI) alberga o Panteón de Galegos Ilustres.