Ir o contido principal

Reapertura da sala de Sargadelos do Museo de Belas Artes da Coruña

O 11 de abril inaugurouse a reapertura da Sala Sargadelos do Museo de Belas Artes, coa presenza de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Ángeles Penas Truque, directora do museo.

O Museo de Belas Artes conta na área de exposición permanente cunha sala onde se exhibe a colección de louza de Sargadelos, a cal estivo pechada nos últimos tempos por motivos derivados de problemas estruturais no edificio.

Esta paréntese temporal foi aproveitada para revisar o discurso museográfico da sala, facendo segundo os casos unha reordenación ou unha nova selección de obxectos co fin de mostrar o amplo espectro de variedades tanto obxectuais como decorativas con que conta a colección do museo. Pero principalmente, dotouse á exposición dun soporte informativo necesario que facilita o seu seguimento no discorrer evolutivo da produción de Sargadelos. A información preséntase en distintos niveis e compleméntase con imaxes, gráficos ou mapas, ademais de novos soportes tecnolóxicos que se incorporarán nun breve espazo de tempo.

O percorrido na sala iníciase cunha información xeral distribuída en varios paneis, que contextualizan á Galicia socio-económica dunha época de cambio entre dous séculos (XVIII-XIX), na que Ibáñez encontra os factores idóneos para acometer o establecemento dun complexo industrial. Os paneis tamén ofrecen información da figura do fundador e do seu espírito emprendedor, capaz de marcar unha traxectoria ascendente dende unha actividade comercial e navieira ata a fabril, que desenvolverá no lugar de Sargadelos (Cervo, Lugo). Os últimos paneis esbozan a historia do complexo industrial dende a súa creación e evolución, ao longo das distintas etapas tanto administrativas coma técnicas, ata o seu peche definitivo en 1875. Por último un panel mostra como as marcas tamén sintetizan información sobre as distintas etapas da fábrica.

No interior das vitrinas continúa o discurso museográfico mostrando información en dous niveis distintos, que se corresponde respectivamente coas técnicas de decoración e dentro destas, coa diversidade de series decorativas que se foron desenvolvendo ao longo das distintas etapas de produción.

En breve engadirase ao discurso museográfico información particular sobre unha serie de pezas, á que se poderá acceder mediante unha pantalla táctil que incorporará efectos visuais en formato 3D.