Ir o contido principal

Os preparativos da exposición da Xunta do Ano Picasso 2023 afrontan a súa fase final

Posado dos participantes na reunión

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron onte unha xuntanza de traballo cos comisarios da exposición "Picasso, blanco no recordo azul" na que a Xunta leva case dous anos traballando e cuxos preparativos entran xa na súa fase final.

Na reunión participaron os comisarios Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, e membros do equipo técnico-facultativo do museo.

“A cinco meses da súa inauguración continuamos avanzando e ultimando xa os detalles da man de todo o equipo técnico”, expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. De feito, a Xunta ten xa rematada a xestión coas entidades prestadoras de obras e definido o contido, así como avanzado no futuro catálogo.

Da man dos comisarios, os traballos céntranse agora na definición das ferramentas dixitais que poidan enriquecer a mostra, así como nas actividades complementarias, coa intención de chegar ao máximo público posible.

Un cento de obras

Como expresou Anxo M. Lorenzo, esta será unha das 16 grandes exposicións do programa oficial do Ano Picasso 2023 que se van programar en distintas cidades España e “cada unha delas conta cun perfil moi diferenciado”.

En Galicia, a única incluída nesta programación é a proposta da Xunta, que terá “un perfil moi diferenciado e específico” con respecto ás demais xa que “insistiremos na galeguidade e vinculación coruñesa de Picasso, un ámbito da súa biografía que está sen explorar”, expresou.

"Picasso, blanco no recordo azul" será inaugurada o 23 de marzo de 2023 no Museo de Belas Artes. A mostra estará composta por un cento de pezas que repasarán a pegada galega do pintor coa colaboración de distintos museos, institucións e coleccionistas privados.