Ir o contido principal

O Museo de Belas Artes da Coruña inaugura a remodelación da sala que acolle os gravados de Goya

Participantes na inauguración

O Museo de Belas Artes da Coruña inaugurou a sala que acolle os gravados de Francisco de Goya tras a actuación realizada pola Xunta de Galicia nestas instalacións. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou este novo espazo no centro coruñés, “un dos poucos museos que conta nos seus fondos cunha colección íntegra de gravados realizados polo pintor español”, destacou.

O representante da Xunta de Galicia explicou que a remodelación responde á necesidade de actualizar as condicións museográficas da sala. “Para iso construíuse novo mobiliario e readaptáronse as antigas vitrinas, introducindo materiais neutros de calidade coa finalidade de acadar unha mellor conservación e a correcta iluminación dos gravados”, indicou.

O director xeral salientou, ademais, o traballo realizado polo Museo de Belas Artes para acompañar esta nova sala “cunha supervisada catalogación, que proporciona unha mellor divulgación e comprensión desta importante produción artística e permite ao visitante ter unha mellor e maior información sobre Goya e os seus gravados”. Neste sentido, quixo amosar o agradecemento e recoñecemento “ao museo, baixo a dirección de Ángeles Penas, e ao seu equipo de traballo, polo seu compromiso e implicación neste rigoroso labor".

A colección de Goya do Museo de Belas componse de 233 estampas que o artista realizou combinando distintas técnicas de gravado (augaforte, augatinta, augada...) e que se agrupan en diferentes series: "Copias de Velázquez", "Caprichos", "Desastres da Guerra", "Tauromaquia" e "Disparates", nun proceso produtivo que abrangue desde 1778 ata 1820. Desde a inauguración da nova sede do Museo de Belas Artes da Coruña, no ano 1995, a sala dedicada aos gravados de Goya permanecía intacta.