10 de abril do 2019 Nova programación trimestral de visitas, exposicións e actividades educativas no Museo Liste de Vigo

O Museo Liste de Vigo vén de facer pública a súa programación para o segundo trimestre do ano, cunha gran variedade de actividades que abranguen exposicións, actividades cíclicas educativas, obradoiros de aprendizaxe...

Este museo, que recolle o legado de Olimpio Liste Regueiro no eido da etnografía, ofrece unha visión globalizadora do patrimonio etnográfico galego.

Conta con nove salas de exposición permanente, distribuídas en tres plantas, nas que descubrir anacos da nosa historia: arte tecido, o escultor da madeira, a cultura do centeo, a simboloxía dos oficios artesáns, a materialidade da fe ou a arte de curar.

A rotulación dos contidos permite a realización de percorridos autónomos, pero dende o museo ofrecen visitas guiadas para grupos, previa solicitude. Para o público en xeral, os percorridos guiados faranse os sábados ás 11:30 h.

Varias exposicións temporais ata fin de ano visibilizan para o público aspectos moi diferentes da tradición galega, a través das pezas conservadas no importante fondo deste museo. Estas son as mostras que abren as súas portas:

 

EXPOSICIÓNS TEMPORAIS

A mesa farta
A partir do 18 de maio, máis de corenta obxectos relacionados coa alimentación terán acollida nesta exposición.

Contidos expositivos:

  • Enxoval doméstico: cociña popular e cociña distinguida.
  • Pezas relacionadas co cultivo, produción e comercio de alimentos.
  • Obxectos de almacenaxe, transporte e conservación.
  • Singularidades e consideracións arredor da alimentación.
  • Protagonistas da nosa dieta. Alimentos básicos.

 

Sororidade
Sororidade define a irmandade entre mulleres. O concepto abrangue moitas formas, todas encamiñadas ao apoio mutuo entre elas.

Dende esta premisa, o museo quere contribuír a crear espazos de concienciación nos que afondar na necesidade dunha educación en igualdade. Supón un proxecto para traballar cos centros de ensino e asociacións na realización de accións conxuntas que conduzan á reflexión.

A partir de febreiro de 2019, o museo acolle distintas creacións e producións artísticas que reflicten ou evidencian a inxustiza que xera a desigualdade dunha socialización no patriarcado. O museo quere así ser un espazo de convivencia á vez que de compromiso social a través de obras que inviten á reflexión.

 

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

As actividades didácticas pretenden un achegamento dos rapaces e das rapazas ao mundo do noso legado cultural e a nosa identidade.

Hai actividades que poden concertarse previamente e que se ofrecen aos niveis de educación infantil, primaria ou secundaria:

A madeira
A importancia e a versatilidade da madeira obrigan a coñecer aspectos relevantes como tipos e usos.
Datas: durante todo o ano.
Dirixido a: grupos de nenos/as de infantil e primaria.

 

Encaixando anacos
Xogo de descubrimento ao longo do percorrido, con quebracabezas que haberá que compoñer.
Datas: durante todo o ano.
Dirixida a: grupos de nenos e nenas de educación infantil previa solicitude.

Maxia e menciña nas árbores
As árbores amais de provernos de materiais para a fabricación, atesouran outras calidades vencelladas coa curación e a maxia.
Dirixido a: todos os públicos

 

Por outra banda, hai actividades para calquera grupo de idade, que se enmarcan dentro do nome de “talleres de coñecemento”, e que tamén poden concertarse durante todo o ano previa solicitude. Son as seguintes:

Instrumentos humildes
Ofrécese ampliar o coñecemento dos múltiples recursos susceptibles de orixinar sons musicais. O soporte didáctico é a través destes singulares obxectos e coa monitora Erica Iglesias Neira.

No obradoiro teórico-práctico abórdase:

  • Clasificación e breve historia dos instrumentos.
  • Variedade nos modos de tocar.
  • Variedade nos ritmos (alalá, muiñeira, alborada…).
  • Distintos momentos de uso (festas, foliadas, comparsas…).
  • Mostras do cancioneiro popular (coplas, nanas…).
  • Achegamento aos instrumentos doutras culturas.

 

Lugar: salas do museo ou xardín circundante.
Datas: todo o ano previa solicitude. Grupos de 50 persoas máximo.
Duración: 1 hora.
Dirixido a todas as idades.
Prezo: 40 euros/grupo.

Hixiene e cosmética
Ao longo da historia, os hábitos hixiénicos foron mudando e, con eles, os produtos e obxectos utilizados. Unida á hixiene, e desenvolvéndose ao seu carón, foi mudando e sofisticándose a cosmética, converténdose ambas en potentes industrias.

O obradoiro teórico - práctico constará de dous bloques:

  • Bloque introdutorio: aspectos máis relevantes das mudanzas producidas en hábitos hixiénicos e cosméticos co repaso polas pezas que agocha o museo e que serán exhibidas para o obradoiro.
  • Bloque práctico: elaboración dun produto hixiénico ou cosmético baseado nas técnicas tradicionais.

 

Lugar: sala didáctica do museo.
Datas: 2º trimestre do ano.
Duración: 60 minutos.
Dirixido a: grupos de todas as idades previa solicitude (máximo 50).
Soporte didáctico: pezas en exhibición, proxección de audiovisual, diversos materiais e monitor-guía.

 

Así mesmo, ao longo de todo o ano ofértanse actividades especiais:

Onde están as chaves?
Conxúgase coñecemento e diversión para descubrir os aspectos e pezas máis destacables do museo. A actividade pon en xogo capacidades dedutivas, memoria e habilidades a través de probas encadeadas co fin de acadar o obxectivo final.
Lugar: salas do museo.
Datas: durante todo o ano.
Dirixido a: grupos de educación primaria previa solicitude.
Duración: 90 minutos.
Custo: 1 € por participante.

Un cadáver no armario
A modo de escape room e partindo dun relato, resolverase o misterio do asasinato de Bieito Pichel. Diversas probas levarán ao cadáver que, segundo as últimas noticias, se atopa no museo.
Lugar: salas do museo.
Datas: durante todo o ano.
Dirixido a: grupos, a partir de 13 anos.
Duración: 90 minutos.
Custo: 1 € por participante.

 

Por último, cómpre destacar que existen actividades específicas en días sinalados, como o Día das Letras Galegas ou os Maios, das que se pode consultar información na web do propio museo, na web de Museos de Galicia ou na web de Cultura.