Ir o contido principal

Amplo programa de actividades polo Día Internacional dos Museos

Día dos Museos

Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerán un amplo programa con concertos, actividades teatralizadas, exposicións e obradoiros dirixidos a todos os públicos.

O 18 de maio, Día Internacional dos Museos, celebrarase a súa 38 edición en torno ao lema "Museos e Paisaxes Culturais". Búscase resaltar a responsabilidade dos museos en promover e comunicar tanto as súas propias coleccións, como o patrimonio cultural e natural da súa contorna.  Desde modo, recoñécese o papel dos museos para participar no desenvolvemento, axudando a formar lazos entre a poboación e o seu medio ambiente, e a concienciar ao público sobre a necesidade de participar converténdoos así en embaixadores dun territorio, comprometidos na protección activa do patrimonio cultural e natural.

Neste senso, e coma todos os anos, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmase a esta celebración cun programa de actividades que se levarán a cabo en todos os museos dependentes da Consellería. Haberá diferentes propostas case que ao longo de todo o mes de maio, dende 7 ao 29, sendo o día 18, o propio Día Internacional, un dos días con actividades máis destacadas.

Exposicións, concertos, cine, actividades e obradoiros

O Museo de Belas Artes da Coruña fai coincidir esta data coa apertura de novas propostas expositivas, ámbalas dúas conmemorativas, cunha exposición sobre Álvaro Cebreiro no centenario das Irmandades da Fala, e outra conmemorando o IV centenario da morte de Cervantes. Na Noite dos Museos, o sábado 21 de maio, Belas Artes abrirá as súas portas para ofrecer visitas guiadas, un concerto de jazz e un espectáculo de maxia.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago desenvolverá o día 18 un completo día chamado Paisaxes sonoras, a través da creación de diferentes atmosferas musicais que culminarán nun concerto no Auditorio do Museo.

Pola súa parte, no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, ademais de facer coincidir a súa habitual presentación pública da peza do mes organizou unha serie de roteiros especialmente artellados sobre o lema desde ano; serán visitas a lugares da contorna de especial significación cultural (saídas os días 7, 14, 21 e 28 de maio). Tamén se propón un obradoiro para os máis pequenos os días centrais da celebración,  que baixo o título Museos e Paisaxes culturais: as torres medievais da Limia, achegará aos máis cativos aos paisaxes culturais da contorna. O propio día 18 programouse tamén un concerto no Claustro do Museo.

As propostas para esta celebración do Museo Etnolóxico de Ribadavia incorporan a novidade da proxección dun documental con música en directo o propio día 18, aínda que comezarán coa celebración o domingo anterior, o día 15 de maio cun concerto de música clásica no patio do Museo. Tamén se incorporarán á Noite dos Museos propoñendo abrindo as súas portas ata a unha da madrugada e ofrecendo visitas teatralizadas á exposición.

O Museo Massó de Bueu presentará unha nova exposición conmemorativa sobre Salvador Massó e os 200 anos do establecemento desta familia de industriais en Bueu, e retomará as celebracións o sábado 21, cunha proposta para os máis cativos pola mañá e un concerto dende as 20:30 h.

Coma todos os anos, o Museo do Castro de Viladonga tamén se sumou con diversas propostas dende o 17 de maio (actuación de música tradicional), o 18 (exhibición de aves rapaces) e o 19 (obradoiros de barro en vivo)  pero sobre todo o día 21 na Noite dos Museos: actuacións de música tradicional no xardín do museo, mentres que no castro se realizan diver­sas actividades e obradoiros arredor da época castrexa, e a xornada rematará cunha visita nocturna ao castro.

O Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) sumouse a esta conmemoración entre os días 13 e 28 de maio, con xornadas de portas abertas e visitas guiadas pola historia da cartografía escolar, xunto coa exposición temporal de fotografía sobre o lema deste ano, “As paisaxes culturais da educación en Galicia”.  Tamén se ofrecen roteiros individuais polo Museo e actividades para levar a cabo en familia.

Actividades gratuítas

Hai que sinalar que todas estas actividades ofrécense de xeito gratuíto. Non obstante, como algunhas delas dependen do aforo dos lugares onde se desenvolven, recoméndase que se consulten as páxinas webs destes museos ou o Portal de Museos da Consellería para comprobar as horas e se fai falta inscrición previa, así como os detalles máis pormenorizados.

Nos Parques Arqueolóxicos organízanse visitas guiadas. No P.A.C.C. de San Cibrao de Las faranse o fin de semana, os días 21 e 22, e no P.A. de Arte Rupestre de Campolameiro faranse  todas as mañás dos días 17 ao 22 (inclusive). Neste centro aproveitarase a ocasión tamén para inaugurar unha exposición fotográfica o día 18.

Pódense consultar todas as actividades neste calendario.