Museos de Galicia

Museo da Historia de Valga

O museo

O Museo da Historia de Valga pretende divulgar o patrimonio natural e a historia do Concello de Valga, así como a figura da súa veciña máis ilustre, Agustina Carolina Otero Iglesias, máis coñecida como “La Bella Otero”. Historia, arte, xeografía e etnografía fan deste museo unha visita de grande interese cultural.

O edificio principal, de recente construción, conta con catro zonas expositivas. Na planta baixa faise unha  presentación centrada no territorio e o medio natural do Concello de Valga. No primeiro andar atopamos un percorrido pola historia de Valga dende os seus primeiros poboadores ata chegar ao mundo contemporáneo. Na zona do entrechán está adicada á vida e obra do historiador valgués Xesús Ferro Couselo. O espazo do último andar xira arredor da apaixoante figura da “Bella Otero”.

Nos anexos atópase outro edificio expositivo, neste caso trátase dunha recuperación de casa tradicional galega de finais do século XIX. Esta casa, vinculada á infancia da Bella Otero e cunha coidada recreación etnográfica, reflicte non só a cultura e tradicións galegas senón que nos amosa como foron os primeiros anos da artista que coroou a Belle Epoque.