Ir o contido principal

Museo da Construción Naval (Exponav)

O Museo da Construción Naval foi creado pola Fundación para el Fomento del Conocimiento de la Construcción Naval y de las Actividades Marítimas (Exponav), co propósito de servir de lugar de encontro entre a sociedade, a industria e a comunidade científica para divulgar o desenvolvemento das técnicas de construción dos buques e os materiais empregados, presentando os diversos aspectos relacionados con esta materia: desde a evolución das tecnoloxías e ferramentas ata o momento máis importante dun barco, a botadura e a navegabilidade, posibilitando a comprensión desta tecnoloxía e o coñecemento do noso pasado naval.

O museo posúe fondos museográficos e documentais do patrimonio marítimo e industrial de gran valor, xa que constitúen unha colección única no seu ámbito que permite coñecer o desenvolvemento da construción naval militar e civil en España desde o século XVIII ata os nosos días, facendo fincapé no papel que desempeñou Ferrol neste campo.

A exposición ofrece unha visión divulgativa sobre os fitos históricos máis relevantes relacionados con esta actividade en España. Tomando como punto de partida o arsenal real do século XVIII, o discurso expositivo céntrase na divulgación da historia e a memoria dunha actividade que enlaza na actualidade cos estaleiros modernos de Astano, Bazán e Navantia.

O museo consta de dúas plantas dedicadas á historia da construción naval. A Planta baixa é un percorrido polas diversas técnicas de construción e os servizos máis esenciais dun buque. Destaca o pecio da Fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro no ano 1810 e recuperada pola Armada Española nos anos 70 e 80 do pasado século. Na planta superior atópase a sala de exposicións temporais e unha serie de salas temáticas como a dedicada ao estaleiro Astano, denominada Milagre na Ría. Outras salas son as dedicadas á Armada, os seus buques e as súas escolas, ás navieras, aos portos etc.

A sede do museo é o edificio de Ferrerías. Forma parte do conxunto histórico do Arsenal de Ferrol, deseñado por Julián Sánchez Bort en 1765 no seu momento para a construción das pezas de ferro tanto da estrutura como do equipamento e decoración dos barcos. O edificio identifícase completamente co ámbito e a temática do museo, converténdose nun elemento fundamental do discurso expositivo e o escenario ideal para a exposición da colección.

https://exponav.org/museo-de-la-construccion-naval/

Rúa Irmandiños, s/n. Cantón de Molins
15490, Ferrol

Tlf. 981 359 682
exponav@exponav.org

Horario

Temporada alta: Luns a venres 10:00-19:00 / Sábado 10:00-20:00 / Domingo 10:00-14:30
Temporada media: Luns pechado / Martes a sábado 10:00-19:00 / Domingo 10:30-14:30
Temporada baixa: Luns pechado / Martes a venres 10:00-14:30 e 15:30-19:00 / Sábado 10:00-19:00 / Domingo 10:30-14:30


Tarifas

Prezo de entrada: 2€ / 1€ / Gratuíto.
Consúltese o detalle de tarifas na web do museo: https://exponav.org/gl/informacion-de-exponav/#tarifas