Museos de Galicia

Museo Militar da Coruña

O museo

O Museo Militar Rexional da Coruña é un museo de historia que a través dunha rica e variada exposición permanente informa e testemuña as vivencias e as inquedanzas dos exércitos, e ofrece a posibilidade de aproximarse a unha comprensión máis integral e realista do pasado.

Cunhas orixes seculares, pois parte das súas coleccións datan de mediados do século XIX, o actual museo goza dunhas modernas instalacións inauguradas en 1992 na que se mostran fondos dende o século XVII ata mediados do XX, na súa maioría das seguintes tipoloxías: ciencia e tecnoloxía, belas artes, armamento, municións, recordos, maquetas, bandeiras, condecoracións, documentos, uniformes e mobiliario.

Realiza numerosas actividades de diverso tipo nun esixente programa anual, como recreacións históricas; teatro infantil; concursos de redacción, fotografía e outros; xogos; buscas e actividades lúdicas dentro do museo relacionadas cos obxectos expostos; concertos; cine de temática militar e exposicións temporais.

Trátase en fin dun museo militar, que ofrece unha visión histórica ecuánime, dende o respecto a tódalas ideas e valores actuais.