Museos de Galicia

Museo das Mariñas

O museo

O Museo das Mariñas, inaugurado no ano 1983, está instalado no edificio do antigo convento de San Domingos (século XVII-XVIII), compartindo sede co arquivo e a biblioteca municipais. O museo está dedicado á ampla comarca das Mariñas, recollendo aspectos tanto históricos como etnográficos da mesma.

O comezo da visita faise cunha panorámica de personaxes destacados da sociedade medieval betanceira, rodeados por restos do mosteiro gótico de San Francisco, entre os que destaca unha estatua dun Santiago Peregrino do século XIV, a representación máis antiga desta figura en Galicia. A época romana está representada por pezas sobresaíntes como aras, estelas e muíños.

A sección de etnografía nesta planta presenta unha serie de maquetas dunha casa rural, e outras que nos introducen ó mundo dos traballos tradicionais do viño e do pan. Na Sala do Traxe, situada na planta alta, móstranse traxes populares de toda Galicia e outros da burguesía betanceira dos séculos XVIII-XIX, ademais doutras pezas relacionadas co tecido, como as ferramentas dun xastre betanceiro.

No corredor alto atópanse diversos obxectos relacionados coa historia de Galicia e de Betanzos, como o globo que se lanza dende 1814, bandeiras e bustos. Nesta mesma planta hai unha sala dedicada ás Antigas Escolas e outra á Fundación Jimenez Cossío con bordados, encaixes e abanicos dos séculos XVI ó XX.

No corredor norte encóntrase a sala do apostolado da Escola de Rubens, con trece cadros e varios gravados procedentes de Amberes. A visita remata cunha mostra da evolución urbanística de Betanzos por medio de fotos, debuxos e maquetas.

Galería