Museos de Galicia

Museo do Mar de Laxe

O museo

O seu discurso museístico céntrase no patrimonio antropolóxico, histórico e visual do concello de Laxe e das comarcas de Bergantiños e Soneira (Costa da Morte) desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Inclúe unhas 67.000 fotografías procedentes do Arquivo dos fotógrafos Plácido Vidal e do seu fillo José María Vidal.

O Museo do Mar de Laxe está situado no inmoble que ocupou a antiga casa cuartel da Garda Civil da localidade, que foi rehabilitada para albergar a colección. Forma parte do casco histórico da Vila de Laxe, e está declarado como inmoble de elevado interese arquitectónico tradicional, dado que nos atopamos ante un inmoble de pedra no que aínda son visibles elementos dunha casa tradicional galega (lareira, lavadoiro de pedra, latrina...).

Ten catro plantas  [planta baixa, planta 1ª e planta 2ª, e Baixo cuberta] e está adaptado para persoas con discapacidade. Ten ascensor, baños, sala polivalente para conferencias etc.

O seu contido xira arredor de dous eixos básicos, que son a historia da vila de Laxe e das comarcas de Bergantiños e Soneira desde finais do século XIX ata os anos 70 do século pasado; cunha especial atención á divulgación da cultura marítima e á preservación da memoria socio cultural da zona. Polo tanto, este patrimonio antropolóxico, histórico e visual constitúe o soporte fundamental da colección que alberga.

Non obstante, a peza fundamental do Museo son o conxunto de fotografías procedentes do arquivo fotográfico de Plácido Vidal (1867-1956) e do seu fillo José María Vidal (1900-1988), que forman parte da colección permanente do centro.

Este arquivo está composto por 67.000 imaxes que reflicten a historia do concello de Laxe e gran parte da Costa da Morte (comarcas de Bergantiños e Soneira) ao longo de máis dun século. Todas estas fotografías foron dixitalizadas e atópanse depositadas no Arquivo Municipal, aínda que están asignadas ás coleccións do Museo do Mar de Laxe, onde actualmente -na súa planta baixa- se reproduce diferentes escolmas temáticas delas.

A través destas fotografías realizadas por estes grandes reporteiros de Galicia, o visitante pode contemplar e comprender os cambios que se produciron no territorio, na sociedade, nos ritos relixiosos, nos oficios, na familia...

Galería