Museos de Galicia

Colección de Instrumentos Musicais do Centrad

O museo

A colección está constituída por fondos procedentes da antiga sección de música do Museo Provincial de Lugo, fondos de produción propia froito de diferentes proxectos de investigación, adquisicións, doazóns e depósitos de particulares. Completan a colección importantes fondos documentais e bibliográficos reunidos ao longo destes anos relacionados coa materia.

A tipoloxía dos seus bens abrangue instrumentos de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos  mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en petro de iconografía musical. Destaca a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.

O percorrido inclúe a visita ás catro salas de exposición permanente e ao obradoiro de instrumentos musicais que está integrado nas instalacións, igualmente pódense visitar os obradoiros e exposicións que forman parte do Centro de Artesanía e Deseño.

A Sala Antón de Marcos recrea o obradoiro histórico fundado no ano 1951 coas ferramentas e útiles de traballo de Paulino Pérez, así como a longa traxectoria investigadora e formativa de artesáns e intérpretes.

A Sala Pórtico da Gloria amosa as réplicas dos instrumentos representados no pórtico da catedral compostelá, nos manuscritos de Leonardo de Vinci e unha importante colección de zanfonas. A Sala Xelmírez reúne réplicas dos instrumentos representados nas ménsulas do pazo de Xelmírez anexo á catedral compostelá, estación táctil, xoguetes sonoros e unha importante colección de trompas de boca entre outros.

Por último, a Sala Faustino Santalices e Paulino Pérez, en honra aos fundadores do obradoiro, alberga instrumentos ligados á música popular galega e unha sección dedicada aos instrumentos mecánicos e de corda de diferentes partes do mundo.

A oferta complétase cun servizo de visitas coas modalidades de: guiada, técnica e activa. Tamén cun servizo de consulta dos fondos bibliográficos e documentais da colección.

Galería

  • Instrumentos da Sala Pórtico da Gloria, réplica dos representados na Catedral de Santiago

    Instrumentos da Sala Pórtico da Gloria, réplica dos representados na Catedral de Santiago

  • Zanfona-órgano

  • Sala 3

    Sala 3

  • Sala 1

    Sala 1

  • Gajdy

    Gajdy

  • Organístrum, réplica do representado no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago

    Organístrum, réplica do representado no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago

  • Obradoiro de instrumentos musicais

    Obradoiro de instrumentos musicais