Museos de Galicia

Museo do Humor de Fene

O museo

"O humor é un mecanismo existente en todas as culturas, unha suma de dúas realidades: traxedia e comedia, que nos libera das carencias e tamén da dor. Ademais, ofrécenos unha visión diferente dunha mesma realidade, unha realidade que fai que o humor sexa distinto segundo cando e onde se manifeste”. En Galicia o humor existe e é diferente ao dos demais. É unha forma de sabedoría que agudiza e afina a forma de ser singular dos galegos e das galegas, actuando moitas veces coma un mecanismo de defensa.

As orixes do Museo do Humor remóntanse á década dos oitenta. Naqueles anos, os debuxantes Siro e Xaquín Marín montaron unha exposición que percorreu toda Galicia, acompañada dun manifesto que chamaba á mobilización en defensa do humor. Tras iso, o Museo do Humor de Fene inaugurouse na Casa da Cultura de Fene o 24 de novembro de 1984 co propósito de dar a coñecer fóra de Galicia os mestres do humor galegos e, en Galicia, os do resto do mundo.

Nas súas salas pódense ver debuxos de Torres, Atomé, Chichi Campos, Reimundo Patiño, Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Pinto&Chinto, Fausto, Andrés Meixide, Chumy Chúmez, Gila, Forges, Gallego y Rey, Serafín, Mort Walker e un longo etcétecra. Todos eles humoristas que, co seu lapis, fan crítica da realidade presente ou pasada, convertendo en gracioso o que por norma é serio e conseguíndonos facer pensar e logo rir.

O Museo do Humor conta ademais con dúas salas adicadas especificamente ao humor negro e á banda deseñada e, entre os seus atractivos, salientan: os espellos deformantes, a escultura de Xaquín Marín, a figura do "Galego das escaleiras", o busto da "Cabeza galega" ou as figuras adicadas ao "Gaspariño" de Xaquín Marín e ao "Carrabouxo" de Xosé Lois.