Museos de Galicia

Museo Comarcal da Fonsagrada

O museo

Fundado no ano 1984 por un padroado formado por veciños da Fonsagrada e do que na actualidade forman parte o Concello e os centros de educación primaria e secundaria, o museo ten pezas de etnografía, de arqueoloxía e de arte contemporánea.

A sección de etnografía presenta entre outras a instalación dunha adega, dunha forxa de ferreiro, e dunha lareira. Hai unha parte dedicada ós oficios rurais, outra á labranza, ao monte, á escola, á relixiosidade e á emigración onde se recollen os recordos da estancia en Bos Aires e A Habana dun emigrante da zona.

A parte dedicada á arqueoloxía expón pezas pertencentes a época megalítica, á época castrexa e á época da romanización.

A sección de arquitectura popular mostra, a través de maquetas, planos e fotografías as características constructivas, materiais, e tipos de vivenda máis frecuentes.

A colección de arte contemporánea, coñecida como 'De ida e volta' está formada principalmente por esculturas que se poden ver por todo o museo, obras de artistas como Ignacio Basallo, Mónica Alonso, Manolo Paz, Paco Pestana, Xoán Lamarti, Tereixa Gómez, Alvaro de la Vega, Manuel Patinha, Luís Borrajo, Fernando Villapol, Xurxo Oro Claro e Manuel Moldes.

Os obxectivos do museo son presentar as formas de vida e de traballo dunha comarca de montaña que están a piques de esquecerse por completo pola evolución dos tempos e propiciar a reflexión por parte do visitante sobre o valor da cultura tradicional e as circunstancias de cambio do medio rural.