Do 20 de novembro do 2019 ao 8 de marzo do 2020 Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural

Unha nova visión sobre este asentamento ao través do traballo realizado polo persoal técnico do Museo

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

A mostra amosa os resultados da importante investigación realizada polo propio persoal técnico do Museo Arqueolóxico de Ourense, que abrangue dende a fase de traballo de campo e gabinete, a difusión dos resultados científicos e a restauración ata a exhibición dos restos patrimoniais.

A partir dos restos materiais recuperados en diversas campañas de escavación, reconstrúense dun xeito didáctico e ameno os acontecementos máis destacados deste asentamento, dende o mundo castrexo ata o século V d. C., e pode desfrutarse dos diferentes achados que ilustran a vida cotiá deste enclave.

A selección comprende máis de duascentas pezas, algunhas de extraordinario valor histórico e estético.

O relato da exposición está elaborado polo equipo técnico do Museo. O seu director, Xulio Rodríguez, fai a introdución deste proxecto:

O Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé atópase situado na marxe nororiental da depresión que forman o río Miño e os seus afluentes. Un xacemento que, aos valores arqueolóxicos propios, une un patrimonio natural, con características propias, o que permite conservar e difundir ambos de forma integrada.

Descuberto por D. Manuel Blanco Guerra a finais dos anos sesenta do pasado século, coa execución dunha serie de sondaxes, a partir de 1983, e baixo a dirección do que subscribe, intégrase entre os proxectos de investigación programados polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

As primeiras campañas de escavación centráronse na valoración do xacemento, permitindo identificar un castro e un poboado galaicoromano estreitamente vinculado con el, na súa ladeira, tendo como obxectivo as campañas posteriores, de 1986 a 1990, a escavación e consolidación deste último asentamento.

A información acumulada nas diferentes intervencións aconsellou a presentación das entidades arqueolóxicas –estruturas arquitectónicas, vestixios, elementos materiais etc.– no seu contexto espacial, poñéndose en marcha, no ano 2000, a primeira fase do proxecto Posta en valor sociocultural do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé e, xa no 2003, grazas á Fundación Pedro Barrié, o proxecto Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé. Escavación, consolidación e musealización dun sector do castro.

O conxunto de todas as accións programadas e levadas a cabo desde os seus inicios fundaméntanse no trinomio investigación, divulgación e protección deste patrimonio, facendo compatible os seus valores culturais cos desafíos que formula, como potencial recurso estratéxico, o fenómeno do turismo cultural.

O eixe fundamental sobre o que asenta o proxecto é o programa de investigación e interpretación específico, levado a cabo como un exercicio interdisciplinario para una lectura contextual e a visión integral do xacemento, e compartilo co resto da cidadanía, facéndoa partícipe da riqueza do seu legado.

Para a rendibilidade sociocultural e facer comprensible ao público a excepcional relevancia do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé, e a súa importancia como ferramenta para o coñecemento de tan dilatado período do devir histórico da Gallaecia, foi preciso reconstruír, rehabilitar e pór en valor os restos inmobles do propio poboado que foron quedando ao descuberto. Así, as diferentes intervencións concretáronse en actuacións de musealización in situ, por medio da creación de rutas para o gozo do escenario arqueolóxico e natural, a utilización de medios gráficos –paneis informativos, puntos de información– ou a publicación de material divulgativo e multimedia –guías, folletos-, patrimonio moble vinculado ás devanditas estruturas, depositado no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Como colofón a todas estas iniciativas de xestión unitaria da práctica arqueolóxica, esta mostra abrangue, cunha dirección á vez sincrónica e diacrónica, os diferentes aspectos que implicaron a Santomé na fase de conquista e integración con Roma e as relacións que deste proceso se derivan. A través dun rico acervo de case 300 pezas, preséntase a realidade económica, social e cultural dun amplo fragmento da súa historia. Cerámicas, broches, instrumental médico, moedas e unha variada selección de obxectos fan posible apreciar o valor da cultura material deste xacemento e das súas complexas manifestacións, de forma que o percorrido expositivo ofrece un panorama articulado permitindo ao visitante un paseo pola historia e o pasado arqueolóxico de Santomé, desde o mundo castrexo ata o século V, ofrecendo a posibilidade de gozar dos diferentes achados que ilustran o día a día dos habitantes deste importante enclave.

Esperamos que esta mostra axude a acercar o patrimonio cultural á sociedade ao tempo que faga visible o traballo que se leva a cabo desde os museos.

 

Seccións da exposición

  • Santomé e o seu espazo (As orixes, o esplendor altoimperial, as Domus baixoimperiais)
  • A casa e a vida cotiá (materiais, alimentación e iluminación)
  • A economía (aproveitamento do campo e o río, actividade téxtil e metalúrxica, pesos e medidas, moeda, dinámica comercial)
  • A Sociedade (representación do poder, aparencia externa, vestimenta e adorno, relixión e superstición, xogos, escritura, medicina)

 

Horario

A mostra permanecerá aberta na Sala de Exposicións Afundación en Ourense (praza Maior, 4) co seguinte horario:

  • De luns a venres, de 17.30 a 20.30 h
  • Sábados, domingos e festivos, das 12.00 ás 14.00 e das 17.30 ás 20.30 h

Galería

  • Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural

    Tríscele galaicorromano, s.I d. C.

  • Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural

    Dolium olearium tardorromana, ppio.s.V d. C.

  • Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural

    Vaso cónico con pé altoimperial, F.s.I – ½ s.II

  • Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural

    Cuncas e fontes de terra sigillata

  • Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural

    Pexa tardorromana

  • Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural

    Vaíña e puñal tipo Monte Bernorio-Miraveche

  • Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural