Museos de Galicia

Do 22 de xullo do 2015 ao 31 de xullo do 2017 De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia

Museo Massó

Comisariado por Álex Aguilar e Covadonga López de Prado, o Museo Massó inaugura este novo proxecto que explora un eido pouco coñecido en Galicia: a industria que se desenvolveu en torno á caza da balea, da que a empresa Massó foi unha das principais protagonistas. De feito, o Museo posúe a única colección da industria baleeira existente na Península Ibérica e, moi preto, en Cangas do Morrazo aínda se conserva unha das poucas instalación industriais dedicada a esta actividade que se poden ver en Europa.

O fío condutor da exposición será a progresiva mellora tecnolóxica da que se derivan novas formas de explotación, que permitirá ir dende os inicios da pesca da balea cos vascos ata as factorías galegas como únicos centros de explotación de toda a península. Este último punto será o núcleo fundamental e mais extenso do discurso expositivo.

A mostra aproveita a temática baleeira e se desenvolve coas seguintes áreas e secciones temáticas:

1.- “A lenda do monstro mariño” (coas seccións de “O imaxinario popular. De Xonás a Pinocho” e “As principais especies explotadas na industria”), ou como o mito da balea como un temible monstro está presente en todas as culturas.

2.- “Da balea aproveitase todo. Os produtos”. Dende a incipiente industria que desbotaba gran parte do material e só buscaba aceite e fariñas, ata o seu aproveitamento posterior (graxa para iluminar, carne, fariñas, ámbar gris, cairos, ósos, costelas e vértebras (como linteis e banquetas), barbas (o material máis elástico ata o plástico) ou aceite de balea como material cosmético).

3.- “A etapa heroica da caza da balea” (coas seccións de “A etapa vasca”, “As potencias baleeiras europeas e americanas” e “A pesca artesanal nas Azores e Madeira”). Dende os vascos como pioneiros ata a gran potencia baleeira de Estados Unidos no século XIX, inmortalizada por Moby Dick.

4.- “A caza moderna da balea” (coas seccións “As empresas baleeiras”, “Os novos sistemas de caza” e “O proceso industrial”. Nestas seccións analízase o século XX. Os avances técnicos permiten unha explotación a grande escala e Galicia converterase nunha potencia baleeira. Os barcos de vapor, a bomba para insuflar aire no animal e impedir que se afunda unha vez capturado e os canóns arpoadores con explosivos converten a caza da balea nunha gran empresa que puxo ao límite a poboación da especie.

5.- “A fin da industria baleeira” (coas seccións “A fin da pesca” “O estado da poboación baleeira e a explotación actual”.

Dende 1970 cambia a percepción sobre a pesca baleeira e de considerala como unha actividade case heroica, pasou a converterse nun obxectivo da loita do emerxente movemento ecoloxista. Dende 1985 a Comisión Baleeira Internacional, que regula esta pesca, non volveu conceder cotas de pesca e as capturas reducíronse de forma drástica aínda que na actualidade segue xerando polémica.

Galería

  • Imaxe da sección 1

    Imaxe da sección 1

  • Imaxe da sección 2

    Imaxe da sección 2

  • Imaxe da sección 3

    Imaxe da sección 3

  • Imaxe da sección 4

    Imaxe da sección 4

  • Imaxe da sección 5

    Imaxe da sección 5

  • Imaxe da exposición

    Imaxe da exposición