Museos de Galicia

Domus-Casa do Home

O museo

A Domus é un museo interactivo dedicado de forma global e monográfica ao ser humano, e encóntrase no Paseo Marítimo de Riazor, nun edificio construído polo arquitecto xaponés Arata Isozaki.

O lema deste museo é "Coñécete a ti mesmo, como individuo e como especie". Busca espertar a curiosidade e provocar a reflexión sobre a nosa especie. Todo iso sen prescindir da diversión, o ingrediente máis estimulante en calquera actividade humana. 

A visita. Experimentar coa propia sombra, comprender por que nos parecemos aos nosos proxenitores, medir a velocidade dun tiro de penalti ou contemplar imaxes dun parto real son algunhas das propostas a descubrir durante a visita. A exposición “Xogos de neuronas. Pezas da intelixencia humana” ten como elemento máis emblemático unha colorida rede neural elaborada con neuronas creadas na súa meirande parte por escolares galegos, e propón actividades que poñen en práctica as diferentes habilidades das persoas, como intentar relaxarse para gañar nun xogo que mide a actividade cerebral, realizar un debuxo seguindo instrucións verbais, ou probar os reflexos e a axilidade nun panel con botóns a diferentes alturas que hai que tocar cando se acenden.

A sección adicada á evolución humana invita a coñecer as nosas orixes e as características que nos diferencian como especie. Permite levar de recordo unha foto de familia xunto aos nosos antepasados homínidos ou afinar a puntería cuns bisontes de Altamira.

A oferta da Domus complétase cos contidos da súa sala de exposicións temporais, unha sala de cine 3D dixital e un Laboratorio Aberto.

 

Galería