Museos de Galicia

Museo da Colexiata do Sar

O museo

A Colexiata de Santa María de Sar é un antigo convento de cóengos regulares de Santo Agustín. Foi fundado por Diego Xelmírez en 1136 como concesión aos cóengos que se retirasen baixo a regra de San Agustín conservando os seus privilexios na catedral. No ano 1548 secularizouse e converteuse en colexiata. Hoxe é unha parroquia dependente da Diocese de Santiago. Da época medieval consérvase a igrexa e o lateral norte do claustro. A igrexa é un importante exemplo de arquitectura románica compostelá, de planta basilical con tres naves, sendo a central máis ancha cas laterais.

O Museo da Colexiata do Sar atópase nun edificio anexo ao lado sur da igrexa. A exposición desenvólvense en tres salas. A visita ao museo comeza na recepción onde se expón un pilar de pedra con columnas pareadas, obra do taller de Mateo. A segunda sala presenta, entre outras, pezas relacionadas co priorato do Sar e a vida monacal, como elementos arquitectónicos do antigo claustro do século XIII, ou pezas de escultura barroca como o San Roque de Montpellier coa iconografía xacobea.

Na colección do fondo documental destaca o diploma fundacional da Colexiata do Sar, de 1136, asinado polo arcebispo Xelmírez. A terceira sala acolle pezas relacionadas coa vida parroquial da Colexiata, e abarca os séculos XVII a XIX, con pezas de ourivería, ornamentos litúrxicos e escultura. Nas salas cuarta e quinta amósanse traxes tradicionais galegos, pertencentes á agrupación folclórica Colexiata do Sar, vinculada a esta parroquia. O percorrido complétase coa visita ao claustro, no que se conservan nove arcadas do antigo claustro do século XIII, que se corresponde coa parte norte; o actual data do século XVIII.

Galería