Museo Catedralicio de Santiago de Compostela

O museo

O Museo Catedralicio de Santiago permite ao visitante afondar no coñecemento da historia e da arte da Catedral, a través dos seus diferentes espazos e as exposicións temporais que organiza.

As diferentes modalidades de visita centralízanse no Centro de Recepción de Visitantes, situado na cripta do Pórtico da Gloria ao que se accede dende a praza do Obradoiro.

Colección permanente. Unha visita á historia e á arte da Catedral de Santiago a través das súas mellores pezas artísticas. O visitante pode viaxar no tempo e coñecer como a partir dun sepulcro se constrúe unha gran catedral en torno á cal, ao longo dos séculos, foi crecendo unha cidade e todo un fenómeno xacobeo que, co Camiño de Santiago, xogou un importante papel na construción da identidade europea e que é, dende 1985, Patrimonio da Humanidade.

Na planta baixa: as orixes da Catedral; o Mestre Mateo; o coro pétreo do Mestre Mateo; a construción da catedral románica. Na planta 1ª: a arte na Catedral nos séculos XIII e XIV;  arte na Catedral nos séculos XVI, XVII e XVIII e o Apóstol Santiago. Na planta 2ª: o claustro renacentista; a  Capela das Reliquias; o Panteón Real; o Tesouro da Catedral; a Biblioteca capitular; o Botafumeiro e a Sala Capitular. Na Planta 3ª: colección de artes téxtiles; tapices de Rubens; tapices de Teniers; tapices de José del Castillo; tapices de Goya e balconada ao Obradoiro.

No Pazo de Xelmírez atópanse exposicións temporais do museo. Trátase dun edificio románico de carácter civil anexo á Catedral que debe o seu nome a Diego Xelmírez, primeiro Arcebispo de Compostela e grande impulsor da súa construción. É un espléndido conxunto arquitectónico medieval no que se visitan a Sala de Armas, a Sala Manrique, a Cociña e, especialmente, o Salón de Cerimonias, de grandiosa monumentalidade e bela ornamentación con ménsulas historiadas nas que se representa un banquete real. 

Pórtico da Gloria. É a entrada occidental da catedral románica, ideada polo xenio do Mestre Mateo cuxo taller de canteiros interpretou en pedra as pasaxes da Apocalipse. Considérase unha obra cumio da arte universal. A visita permite coñecer a restauración que se está a levar a cabo, co patrocinio da Fundación Barrié.

Cubertas. A cuberta pétrea da Catedral de Santiago está disposta en forma graduada e pódese percorrer, ofrecendo unhas panorámicas espectaculares tanto da basílica coma da cidade de Compostela.

Escavacións arqueolóxicas. No subsolo da Catedral, as escavacións arqueolóxicas levadas a cabo en diferentes períodos deixaron ao descuberto moitos vestixios das orixes da basílica e da cidade. Baixo o pavimento escóndese unha intricada rede da necrópole que se sucede dende época romana ata o momento da construción da catedral románica, así como restos das primitivas basílicas e parte da primeira liña defensiva da cidade de Compostela.

Galería

  • Cubertas da Catedral

    Cubertas da Catedral

  • O profeta Daniel no Pórtico da Gloria

    O profeta Daniel no Pórtico da Gloria